A Xunta compromete o seu apoio para acadar que a Feira do Cocido de Lalín sexa de Interese Turístico Internacional

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co alcalde de Lalín co obxectivo de dar un salto cualitativo nesta celebración gastronómica
Publicado por o día 03/01/2019 na sección de Galicia,Lalín

A Xunta compromete o seu apoio para acadar que a Feira do Cocido de Lalín sexa de Interese Turístico Internacional

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, comprometeuse hoxe a traballar para conseguir que a Feira do Cocido de Lalín acade a declaración de Interese Turístico Internacional, incorporándose a un exclusivo grupo do que só forman parte dez celebracións en toda a Comunidade galega. Así o manifestou no transcurso dunha reunión no seu despacho co alcalde de Lalín, Rafael Cuiña, con quen comentou distintas liñas de traballo para continuar impulsando este evento.

Logo de que a proposta inicial non obtivera o respaldo necesario por parte da Secretaría de Estado de Turismo, dependente na actualidade do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, tal e como foi comunicado ao Concello e á Xunta, o conselleiro expresou a súa vontade de contribuír a que a Feira do Cocido do Lalín poida acadar esta distinción. Para iso, salientou que o seu departamento xa mantivo conversas co Goberno central e avanzou que se realizarán as labores de xestión e promoción oportunas para afondar nesta liña e traballar conxuntamente por unha declaración que suporía unha destacada proxección turística tanto para o propio concello de Lalín como para toda a comarca do Deza.

Román Rodríguez animou tamén a apostar decididamente pola calidade como sinal de identidade da festa, dando así un salto cualitativo na súa organización e desenvolvemento. Así mesmo, garantiu o compromiso económico da Xunta de Galicia, tal e como ven facendo nos últimos anos, a través dunha colaboración por un importe de 30.000 euros.

A Consellería entende que a declaración de Interese Turístico Internacional incrementaría a repercusión desta cita a nivel turístico e, ademais, permitiríalle acceder a unha axuda superior, de ata 40.000 euros, a través dos acordos que asina a Xunta anualmente. Pola súa data de celebración, en pleno inverno, suporía un paso máis na desestacionalización do turismo en Galicia, cun calendario de festas moi relevantes ao longo de todo o ano. Ademais, incrementaría o atractivo da Comunidade como destino enogastronómico.

Galicia conta nestes momentos con 141 festas de interese turístico, das que 11 acadaron o recoñecemento máximo, dez son de Interese Turístico Nacional e 120 de Interese Galego.

No modelo turístico de Galicia, estas celebracións ocupan un lugar destacado. Por iso a Xunta mantén unha colaboración estable, dedicando tamén ao completo unha das 11 liñas da Estratexia de Turismo 2020 a potenciar os valores que fan diferente o destino galego, onde se inclúe o coidado do enfoque turístico das celebracións festivas autonómicas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.