A Xunta concede 991.500 euros a 34 entidades locais na área da Delegación Territorial de Pontevedra para a promoción da igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria territorial da Delegación de Pontevedra, Ana Ortiz, presentaron en rolda de prensa estas axudas, cun primeiro pagamento do 75% da contía da subvención de maneira anticipada
Por o 26/06/2019 | Sección: Galicia,Pontevedra,Xunta de Galicia
A Xunta concede 991.500 euros a 34 entidades locais na área da Delegación Territorial de Pontevedra para a promoción da igualdade

Os concellos da área da Delegación Territorial de Pontevedra van percibir este ano axudas da Secretaría Xeral da Igualdade por importe de case 991.500 euros, para a posta en marcha de distintas accións de promoción da igualdade real entre mulleres e homes. Así o explicou hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, nunha rolda de prensa na que detallaron os resultados da resolución desta convocatoria de axudas.

En total serán 34 entidades locais da área territorial de Pontevedra as beneficiarias destas achegas, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, que se destinarán a iniciativas en catro liñas de actuación. A novidade deste ano a constitúe o programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres financiado con fondos procedentes do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais, grazas a estas axudas desenvólvense programas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, fomento da conciliación e de apoio aos Centros de Información ás Mulleres (CIM). Moitas destas solicitudes foron presentadas de forma conxunta por agrupacións ou mancomunidades de concellos, priorizando así a xestión conxunta e eficaz dos recursos públicos.

A nivel provincial, destacar que serán 44 entidades locais as beneficiadas por un importe total de case 1,5 millóns de euros.

Catro programas subvencionables

Das catro liñas de actuación establecidas, a relativa ao apoio aos CIM é a de maior dotación, cunha contía que ascende nesta área territorial a 641.519 euros, que se distribúen en 16 centros de Información á Muller: A Estrada, A Guarda, A Lama, Bueu, Caldas de Reis, Lalín, Marín, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vilagarcía de Arousa, O Grove e a Mancomunidade do Salnés, e beneficia a un total de 26 concellos. Estas subvencións destinaranse ao financiamento dos custos de persoal, mantemento e dinamización destes centros. A maior parte axudará a manter ás 39 persoas que traballan nos centros desta área territorial en postos de dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica ou como axentes de igualdade ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, que constitúen a novidade desta convocatoria, contarán coa axuda 28 entidades locais na área territorial de Pontevedra.

Por outra banda, destinaranse 65.500 euros ao programa de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero que chegará a 8 concellos. Ao abeiro desta liña, fináncianse accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren este tipo de violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes; así como actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual e a prostitución. Os concellos beneficiados serán A Guarda, Cambados, Cuntis, Ponteareas, Pontevedra, Ribadumia, Tomiño e Vilanova de Arousa.

Xa por último, a liña de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar contará con case 115.000 euros para financiar accións en 10 entidades locais: A Estrada, A Guarda, Arbo, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda e Valga.

Ampliación de crédito

A secretaria xeral da Igualdade adiantou que ante a alta demanda, a Xunta vai ampliar en case 260.000 euros o orzamento destinado ás iniciativas para conciliar a vida laboral, persoal e familiar e ao programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres co obxectivo de atender á totalidade dos expedientes que cumpren todos os requisitos para a concesión das axudas.

A concesión a nivel autonómico ten un importe total de 5.058.194,29€, cun primeiro pagamento do 75 % da contía da subvención concedida, en concepto de pagamento anticipado. O 25% restante librarase logo da xustificación polas entidades beneficiarias do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

Comentar noticia

Your email address will not be published.