A Xunta concede axudas a 11 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, cun investimento de 400.000 euros

O obxectivo é mellorar as capacidades do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial
Publicado por o día 24/07/2020 na sección de Motor,Xunta de Galicia

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar hoxe a resolución coa listaxe das 11 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria deste ano 2020.

No seguinte enlace ao DOG poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades: .

A consellería distribúe estas axudas entre aqueles plans formativos que acadaron as maiores puntuacións nos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.

Cómpre lembrar que estas axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes (asociacións ou federacións de transportistas), co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

O departamento de Mobilidade da Xunta persegue con estas axudas que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

No ano 2019 realizáronse 158 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, das que se beneficiaron un total de 2.435 alumnos.