A Xunta concede axudas para o fomento do voluntariado a 114 entidades de acción voluntaria de carácter privado

Fináncianse con máis de 145.000 euros actuacións de sensibilización, cursos de formación e a incorporación de novas tecnoloxías, e o fomento da actividade en rede entre as diferentes entidades
Publicado por o día 31/07/2020 na sección de Xunta de Galicia,Social

A Xunta de Galicia concede axudas por máis de 145.000 euros para fomentar a realización de actividades de voluntariado en entidades de acción voluntaria de carácter privado. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a relación completa coas 114 entidades beneficiadas desta convocatoria de achegas económicas.

Con esta orde, a Xunta financia as actuacións de sensibilización que estas entidades realizan sobre a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario; cursos de formación e a incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades, como por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web; e o fomento de traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades. O período subvencionable abrangue desde o pasado 1 de xaneiro ata o vindeiro 31 de outubro de 2020.

O ámbito de actuación das entidades que recibirán estas subvencións é moi variado. Así na relación de beneficiarias hai entidades que traballan na atención a persoas con discapacidade —como é o caso de Cogami, Aspronaga, Down Vigo, Sarela, Aspanaex, Fademga, Afaga ou Alcer-Lugo entre outras—; entidades que están máis centradas no ámbito da inclusión social —por exemplo, Padre Rubinos, Ecos do Sur, Boa Vida ou Fundación Juan Soñador—; así como escolas deportivas, de tempo libre e ocio; clubs e agrupacións xuvenís —como é o caso, entre outros beneficiarios, da Escola Deportiva Santiago, a Agrupación Xuvenil Brigantium, a Asociación Don Bosco, o Club Fluvial Allariz, o Club deportivo inclusivo Enki ou o Centro Cultural, Artístico e Recreativo de Valladares—

Das 114 entidades que recibirán axuda ao abeiro desta orde da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, 55 son da provincia da Coruña; 26 da de Pontevedra; 17 da de Lugo e 16 da provincia de Ourense.