A Xunta concede case 5,2 M€ en axudas para a creación de superficies forestais en máis de 2.800 hectáreas de terreo

As achegas aprobadas suporán repoboar distintas áreas de Galicia con máis de 2,86 millóns de árbores, a meirande parte delas coníferas
Publicado por o día 03/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta concede case 5,2 M€ en axudas para a creación de superficies forestais en máis de 2.800 hectáreas de terreo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural que recolle as axudas aprobadas e desestimadas ao abeiro da convocatoria para a creación de superficies forestais entre os anos 2020 e 2021. En virtude desta resolución, a Xunta concede case 5,2 millóns de euros en achegas para repoboar máis de 2.800 hectáreas de terreo en toda Galicia. Así, en total plantaranse máis de 2,86 millóns de árbores, a meirande parte delas coníferas.

Esta orde de axudas, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, beneficia tanto a comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), como a agrupacións de propietarios e particulares. Suporá plantar máis de 2,67 millóns de coníferas, a meirande parte delas piñeiros, e case 200.000 árbores doutro tipo, como castiñeiros, bidueiros ou carballos.

Atendendo ao tipo de beneficiario, ás comunidades de montes correspóndenlles case 5,1 millóns de euros destas axudas para levar a cabo repoboacións, outros 45.462 euros son para agrupacións e 63.534 euros repártense entre particulares. Por provincias, Ourense recibe máis de 3,2 millóns de euros en achegas, séguea Pontevedra con 963.580 euros, Lugo con 696.257 euros e, por último, A Coruña con 309.103 euros.

Enlace ao anuncio no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200803/AnuncioG0426-170720-0002_gl.html