A Xunta consegue xerar actividade audiovisual por valor de 11M€ a través das axudas da Agadic á produción

Matriuska, Maruxiña, Caladiño Filmes, Portocabo, Abano, Brown Films, Sun Lúa, Acanea Impulsión, Agallas Films, Miramemira, CTV e Formato foron as produtoras beneficiarias deste ano
Por o 29/12/2018 | Sección: Cultura
A Xunta consegue xerar actividade audiovisual por valor de 11M€ a través das axudas da Agadic á produción

A adxudicación dos 2 millóns de euros cos que están dotadas as subvencións á produción e coprodución audiovisual da Xunta de Galicia en 2018 propicia unha actividade no sector por valor de 11 millóns, cantidade resultante da suma de orzamentos dos 13 proxectos de cine e televisión beneficiarios. Isto supón que a inversión da Administración pública galega neste apartado, realizada pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), multiplica por 5,5 cada un dos euros destinados a esta liña de apoio.

Deste xeito, a Xunta impulsa todo o ciclo económico e o movemento profesional arredor da rodaxe de catro novas longametraxes cinematográficas en imaxe real, dúas de animación, catro documentais para cinema e para televisión, unha serie e dúas curtametraxes. Ademais, entre os títulos seleccionados destaca este ano a aposta maioritaria pola rodaxe en versión orixinal galega.

Proxectos subvencionados

En concerto, na modalidade de longametraxes de ficción subvencionouse con 259.412 euros O home e o can, título presentado por Caladiño Filmes con dirección de Rafael de los Arcos. A mesma contía é a que recibe Cuñados, primeira longa de ficción que producirá Portocabo e para a que conta con Jorge Coira na dirección. Nesta categoría figuran, así mesmo, Matriuska coa coprodución galego-mexicana ¿Qué hicimos mal?, dirixida por Liliana Torres, e Maruxiña Film Company con Ons, do realizador Alfonso Zarauza. Ambas películas son adxudicatarias de 239.457 euros.

No apartado de longas de animación, as dúas fitas beneficiarias perciben 259.412 euros cada unha: Valentina é diferente, de Abano Producións; e A galiña turuleca, proxecto presentado por Brown Films, que conta con Víctor Monigote e Eduardo Gondell na realización.

En canto ao xénero documental, das catro longas seleccionadas, tres están pensadas para as salas de cinema e unha para a televisión. No primeiro dos casos atópanse A-Cero-5 (59.864 euros), de Agallas Films con dirección de Gonzalo Suárez; Welcome to ma maison (58.278 euros), de Acanea Impulsión, segundo traballo de Andrés Goteira tras o éxito do seu debut con Dhogs; e Clowns’s Planet (45.447 euros), de Sun Lúa con dirección de Héctor Carré. Picadillo, o peso da cociña galega, de Breogán Riveiro e presentado por Formato Producciones, foi seleccionado como documental para televisión cunha subvención de 30.431 euros.

En series televisivas, a Agadic impulsou con 259.412 euros O sabor das margaridas, proxecto de CTV para Televisión de Galicia. Completan a relación de proxectos apoiados as curtametraxes Os prexuízos da auga, de Santos Díaz con produción de Miramemira, e Homomaquia, de David Fidalgo, producida por Abano. Nos dous casos, a contía da axuda é de 15.000 euros.

Investimento total ata 4.270.000 euros

A liña de subvencións de produción e coprodución audiovisual de contido cultural galego é, con 2 millóns de euros, a de maior dotación das sete convocatorias públicas que a Agadic destina este ano ao sector e que, en total, supoñen un investimento de 4.270.000 euros. O resto de axudas céntranse no desenvolvemento de proxectos (240.000 euros), promoción do talento (145.000 euros), presenza en festivais de prestixio nacional e internacional (30.000 euros) e organización de festivais audiovisuais en territorio galego (140.000 euros).

Ademais, este ano púxose en marcha de xeito extraordinario unha liña específica de desenvolvemento e produción audiovisual cara ao Xacobeo 2021, que segundo o proxecto finalmente resultante, pode supoñer ata unha achega de 1.575.000 para a súa materialización.

A partir do 14 de xaneiro, a Agadic irá publicando as novas convocatorias de subvencións que rexerán para 2019.

Comentar noticia

Your email address will not be published.