A Xunta contribúe á celebración da 15ª MICE do Museo do Pobo Galego nun formato mixto con proxeccións en liña e presenciais

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico é un dos 13 certames profesionais do sector audiovisual subvencionados pola Consellería de Cultura e Turismo, que adaptou as bases destas axudas ao contexto actual no marco do Plan de reactivación
Publicado por o día 17/08/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta contribúe á celebración da 15ª MICE do Museo do Pobo Galego nun formato mixto con proxeccións en liña e presenciais

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada por Museo do Pobo Galego co apoio da Xunta, entre outras entidades, presentou hoxe a programación da súa décimo quinta edición, que finalmente terá lugar do 25 ao 29 de agosto tras o seu adiamento o pasado mes de marzo uns días antes da declaración do estado de alarma.

Preséntase agora nun novo formato mixto, adaptado á situación, na que combina proxeccións e actividades paralelas tanto presenciais como en liña. A Consellería de Cultura e Turismo contribúe economicamente ao desenvolvemento desta programación mediante o programa de axudas a festivais profesionais do sector audiovisual, que este ano distribuíu entre 13 dos principais certames galegos unha dotación de 190.000 euros, un 11% máis que en 2019.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou hoxe nesta presentación xunto aos representantes da organización e do resto de entidades colaboradoras, explicou que ademais do devandito incremento orzamentario, este ano introducíronse unha serie de modificacións nas bases das subvencións para adaptalas ao contexto actual como unha das medidas do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

Diálogo co sector

Estes cambios na convocatoria de 2020 responden tamén ao diálogo mantido ao respecto coa coordinadora de festivais audiovisuais Proxecta, da que forma parte a MICE, co obxectivo de facilitar o cumprimento dos requisitos destas axudas a través da ampliación de prazos, da posibilidade da celebración en liña ou da inclusión entre os gastos subvencionables dos incorridos anteriormente e non recuperables como consecuencia do estado de alarma.

No caso da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, a seguridade do público e de toda as persoas implicadas no eu desenvolvemento está a ser unha prioridade para a organización, tendo en conta en todo momento a evolución da situación sanitaria. Con tal motivo, optouse por reducir a programación presencial e levar a cabo unha fórmula mixta na que os filmes a concurso de procedencia internacional farán o seu pase pola 15ª MICE en liña, mentres que as películas galegas seleccionadas contarán inicialmente con proxección en sala.

Esta sección oficial reúne 15 traballos, moitos dos cales se presentan por vez primeira en España e entre os que sobresaen as obras de procedencia europea e asiática. Algúns deles chegan a Santiago tras o seu paso por prestixiosos festivais internacionais como Terra, de Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres, no DocLisboa; 11,565 Kilometres, de Beichen Zhang, na Tribeca’s Contemporary Art Fair de Nova York, ou Hamada, do director galego Eloy Domínguez Serén, no Cinéma du Réel do Centro Pompidou de París.

Xunto con Domínguez Serén, tamén foron seleccionadas para o apartado de competición as producións galegas Eu tamén necesito amar, de Antonio Caeiro, e as curtametraxes En la boca de la mina, de Brandán Cerviño, e Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo.

A representación galega será igualmente destacada en Cinema en Bonaval, nova sección que permitirá gozar de proxeccións ao aire libre neste parque compostelán, que o día 25 acollerá a estrea de Dorothé na vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, e onde tamén se poderán ver Xoves de comadres, de Noemí Chantada, que este venres 21 ten o seu primeiro pase público na sección oficial de curtametraxes do Festival de Cine de Málaga, ou Santa Baia de Montes, primeira curta de Sabela Souto.

Completan a programación desta 15ª edición o taller Da investigación á creación biográfica, as actividades presenciais e en liña da MICE Petís para o público infantil e a exposición As pequenas cousas. De como os obxectos gardaron unha memoria perseguida, que poderá verse ata finais de setembro no Museo do Pobo Galego.

Comentar noticia

Your email address will not be published.