A Xunta contribúe a dotar a lonxa de Panxón de dúas cámaras frigoríficas e un productor de xeo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da lonxa de Panxón tralas obras de mellora do seu equipamento
Publicado por o día 04/03/2019 na sección de Galicia,Mar,Nigrán

A Xunta contribúe a dotar a lonxa de Panxón de dúas cámaras frigoríficas e un productor de xeo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións da lonxa de Panxón tralas obras de mellora dos seus equipamentos que supuxeron a instalación de dúas cámaras frigoríficas e un produtor de xeo. Estes investimentos, que contaron con axudas da Xunta de máis de 35.000 euros, permiten garantir a conservación das propiedades e condicións hixiénico-sanitarias das capturas, mellorar a súa calidade e aumentar o control e a trazabilidade dos produtos desembarcados.

Durante a visita á lonxa, que é un anexo da de Baiona, a titular de Mar destacou a aposta do Executivo galego pola modernización das instalacións portuarias como piar para que os portos, lonxas e confrarías poidan mellorar os seus resultados. Neste sentido, explicou que a Xunta investiu case 100.000 euros nos últimos catro anos en equipamentos portuarios para a confraría de Baiona.

En canto á mellora de equipos, maquinaria e instalacións nos portos galegos, Rosa Quintana tamén quixo lembrar que o seu departamento xa convocou as axudas para proxectos colectivos de modernización de peiraos pesqueiros, lonxas e lugares de desembarque. A convocatoria deste ano conta cun orzamento total de 1,5 millóns de euros repartidos entre 2019 e 2020 e financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

Por iso, a conselleira do Mar animou ao sector a optar a estas achegas e detallou que son para proxectos que impliquen investimentos de mellora da calidade dos produtos da pesca, como contedores isotermos ou produtores de xeo, para avanzar no control e trazabilidade das capturas, como equipos de clasificación de moluscos ou unidades de pesaxe, en materia de eficiencia enerxética, como o alumeado nas zonas de poxa, ou referentes á seguridade e as condicións de traballo, como mesas de clasificación ou exposición de produtos ou distintos tipos de carros varadoiros, entre outras accións subvencionables.

Comentar noticia

Your email address will not be published.