A Xunta convoca 21 bolsas para alumnos do Centro Superior de Hostelería no curso 2020-2021

As axudas descontarán unha parte porcentual dos prezos da matrícula dos primeiros cursos do diploma superior en Xestión Hoteleira e do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, publica no Diario Oficial de Galicia as bases para a concesión de 21 bolsas destinadas aos alumnos do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) no curso 2020-2021.

As axudas consistirán no desconto dunha parte porcentual dos prezos da matrícula en réxime externo da titulación en que se matricule. Haberá bolsas de tipo I, que cobren aproximadamente o 80% da matrícula ordinaria por titulación, e de tipo II, que cobren o 50% da matrícula no mesmo réxime que a anterior. Así, ofertaranse seis bolsas de tipo I para o primeiro curso de diploma superior en Xestión Hoteleira, 12 bolas de tipo II para esa mesma titulación e tres bolsas de tipo II para o primeiro curso do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña.

As persoas interesadas en optar á concesión dunha bolsa deberán ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea; non estar en posesión dunha titulación universitaria do mesmo nivel ou superior; matricularse por primeira vez no curso para o que se pide a bolsa; non ter en vigor unha bolsa ou exención do CSHG, e a renda familiar non debe superar os límites establecidos na resolución. Ademais, para acceder ás bolsas do diploma superior en Xestión Hoteleira deberase acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso igual ou superior a cinco puntos. Mentres, para as bolsas do diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, deberase acreditar ter superado o bacharelato, o ciclo formativo superior ou outras ensinanzas superiores.

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 11 de setembro e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM