A Xunta convoca axudas de ata 10.800 euros para facilitar aos mozos a compra dunha vivenda no marco do novo Pacto Social

O DOG publica hoxe unha orde de subvencións con 800.000 euros para adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de xente nova

A Xunta de Galicia empeza a convocar as primeiras axudas enmarcadas no Pacto Social pola Vivenda 2021-2025 presentado oficialmente o pasado 20 de xaneiro. Hoxe mesmo o DOG publica a Orde de subvencións para adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes dirixida a menores de 35 anos, unha liña de axudas que contará en 2021 cun orzamento inicial de 800.000 euros e que forma parte do medio cento de accións en materia residencial coas que o Goberno galego aspira a axudar a 70.000 familias nos vindeiros cinco anos.

Este foi un dos asuntos que abordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, con representantes do Colexio Oficial de Administradores de Fincas e do Colexio de Axentes da Propiedade Inmobiliaria, convocados a unha reunión telemática de seguimento do Pacto Social pola Vivenda subscrito tamén por ambas entidades.

Durante o encontro, a responsable autonómica explicou que as axudas convocadas hoxe enmárcanse nas liñas estratéxicas do devandito pacto, que combina iniciativas novidosas no eido residencial con outras xa implantadas e de eficacia acreditada. Este é o caso do programa dirixido á mocidade para a adquisición de vivendas en concellos pequenos, que desde a súa posta en marcha en 2018 esgotou todos os anos o crédito dispoñible.

Como proba deste éxito, Vázquez Mejuto lembrou que só a través da convocatoria do ano pasado o IGVS axudou a 120 galegos de menos de 35 anos na compra da súa vivenda habitual, unha cifra á que hai que sumar as 221 subvencións concedidas ao abeiro das dúas ordes anteriores. “En total son xa máis de 340 os mozos e mozas galegos que desde 2018 puideron ter este apoio económico da Xunta para formar o seu fogar”, explicou.

No caso da convocatoria de 2021, engadiu que está dotada con 800.000 euros, aínda que esta contía poderá ser ampliada. O prazo para a presentación de solicitudes abrirase a partir de mañá e prolongarase ata o próximo 1 de setembro. En canto aos requisitos, a vivenda terá que estar xa construída (sexa nova ou usada) e situarse nun dos 215 concellos con menos de 5.000 habitantes que hai en Galicia. Ademais, o prezo de venda non poderá superar os 100.000 euros e o importe máximo da axuda será de 10.800 euros.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a importancia desta nova convocatoria de axudas para facilitar o acceso á súa primeira vivenda en propiedade á xente nova, ao tempo que se contribúe ao asentamento da mocidade en concellos menos poboados e de áreas rurais.

Este é, precisamente, un dos obxectivos do Pacto Social pola Vivenda promovido pola Xunta e asinado por un total de 10 entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

Concretamente e co fin de facer máis accesible a vivenda, daráselle un novo pulo á adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.

En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, seguirase apostando pola recuperación de inmobles xa construídos, sobre todo en núcleos rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que tamén se porá en marcha un programa para facilitar aos concellos a dinamización e posta no mercado dos seus núcleos en estado de abandono.

Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.

Novo programa de vivendas baleiras

Precisamente, os responsables autonómicos en materia de vivenda aproveitaron a xuntanza para abordar cos axentes inmobiliarios e os administradores de fincas o futuro programa para a mobilización de vivendas baleiras no que traballa xa o IGVS co obxectivo de que estea operativo este ano e para o que aspira a contar coa colaboración de ambos colectivos.

Días despois de que a conselleira avanzara no Parlamento as liñas básicas do novo programa, trasladáronlles que ante a inseguridade provocada polas sucesivas modificacións na normativa estatal introducidas polo Goberno, a Xunta pretende ofrecer garantías xurídicas aos propietarios que se adhiran a esta iniciativa, garantindo o cobro do alugueiro e poñendo á súa disposición axudas de ata 8.000 euros para rehabilitar ou mellorar as súas vivendas.

Para facilitar a incorporación de inmobles baleiros ao programa alí onde máis demanda de vivenda en alugueiro se rexistra, o Executivo galego quere contar coa axuda dos axentes da propiedade inmobiliaria e dos administradores de fincas, ademais dos propios concellos.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario