A Xunta convoca axudas para o fomento do uso do galego no ensino preuniversitario

A Consellería de Educación publica no DOG as ordes de subvencións destinadas a apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Educación,Formación

A Xunta convoca axudas para o fomento do uso do galego no ensino preuniversitario

A Xunta de Galicia vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas a proxectos para o fomento do galego no ensino público e privado dotada con máis de 370.000 euros. Trátase dunha liña de axudas destinada a contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2020/21 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades.

O prazo de solicitudes tanto para os centros de titularidade pública como privada está xa aberto e a convocatoria ten en conta as dificultades causadas pola pandemia no pasado curso. Así, dado que a maior parte dos proxectos non se puideron executar, os centros solicitantes que así o decidan poderán volvelos presentar este ano cos axustes pertinentes.

O texto completo das convocatorias está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (procedementos PL500A e PL500B).

Valoración dos proxectos

Para optar ás axudas, os equipos ou profesores encargados da dinamización da lingua galega deberán presentar os seus proxectos e actividades, que serán posteriormente valorados e puntuados para a determinación das contías. A maiores, tamén se terá en conta o número de alumnado do colexio ou instituto. A cantidade máxima que poderá percibir un centro varía entre os 800 e os 1000 euros.

Os criterios de valoración dos proxectos inciden no grao de implicación dos diferentes membros da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, persoal de administración e servizos), na utilización das TIC, na colaboración con outros centros de ensinanza e mais con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto, na realización de actividades plurianuais ou na variedade das actividades propostas.

A proposta provisional da resolución coa puntuación e a contía outorgada farase pública na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Apoio ao labor dos EDLG

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de Normalización Lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz. O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos.

Coa finalidade de valorar e de apoiar o labor dos EDLG, a Consellería de Educación considera necesario seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos e convoca estas axudas.