O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou hoxe que a Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mantén aberta a liña de axudas Innova Peme 2020, que o ano pasado beneficiou a dúas empresas da cidade do Lérez con 200.000 euros.
En total, na área territorial da Delegación de Pontevedra destináronse case 516.000 euros a seis empresas, dúas da cidade do Lérez, unha con sede en Silleda, outra en Ponteareas, outra firma de Sanxenxo e finalmente unha última en Caldas de Reis.
Na capital da provincia as empresas que solicitaron esta axuda o ano pasado foron Electricida y Contratas Edison Galicia e Krack Zapaterías.
Tal e como informou o delegado territorial, a convocatoria de axudas do Innova Peme 2020, dotada con 2,7 millóns de euros está destinada especificamente a micro, pequenas e medianas empresas galegas que precisan apoio para sistematizar, potenciar ou desenvolver a súa actividade innovadora. “O obxectivo é que aumenten a súa competitividade e tamaño do mercado a través da introdución de novos produtos e servizos ao abeiro dos plans de innovación; e fomentar o investimento privado en I+D en Galicia, a transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta e colaborativa”, explicou Cores Tourís.
InnovaPeme 2020, cofinanciado con Fondos FEDER no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, apoia as actuacións recollidas nun plan de innovación, que se desenvolverá durante un período mínimo dun ano. A intensidade da axuda será do 50% do orzamento subvencionable (que deberá estar entre 80.000 e 200.000 euros) e, ademais, as empresas beneficiarias poderán solicitar acompañamento posterior para a comercialización e industrialización da innovación a través de fondos de capital risco vencellados á innovación xestionados por XesGalicia.
O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses e remata o 20 de abril ás 13 horas. Entre as principais novidades, refórzase como criterio de valoración o feito de ser unha microempresa e non ter obtido axudas á I+D+i nos últimos 3 anos. Ademais, só se valorarán os contratos a tempo completo cunhas retribucións nas que corresponda o grupo de cotización coa titulación da persoa contratada.
Así mesmo, nesta edición, inclúense unha serie de cláusulas sociais como a incorporación da innovación responsable e do compromiso social como criterios de valoración da convocatoria e relacionadas coa estratexia de apoio ás pemes como obrigas de formación e de subministración de información.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.