A Xunta convoca os Premios da Cultura Galega 2020

Os galardóns apoian a excelencia creativa nos campos das Letras, as Artes Plásticas, as Artes Escénicas, a Música, o Audiovisual, a Lingua, o Patrimonio Cultural e a Proxección Exterior
Publicado por o día 22/07/2020 na sección de Cultura

A Xunta convoca unha nova edición dos Premios da Cultura Galega, uns galardóns que teñen por obxecto apoiar o labor creativo en Galicia e a súa expansión nos novos espazos que se abren na actualidade en diferentes ámbitos.

As oito modalidades convocadas son as de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior e as institucións e entidades culturais ou profesionais relacionadas con cada unha delas poden presentar as candidaturas durante os dous vindeiros meses contados desde o día seguinte ao da publicación no día de hoxe desta orde no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e á mesma engadiráselle os méritos das candidaturas cunha xustificación descritiva.

O xurado que vai valorar as propostas estará presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo e contará con representación do Consello da Cultura Galega, das universidades do Sistema Universitario de Galicia, da Real Academia Galega, da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, da Secretaría Xeral da Igualdade, da Dirección Xeral de Políticas Culturais e de catro persoas de recoñecido prestixio no eido da cultura, designadas pola Consellería.

En cada unha das modalidades, os Premios da Cultura Galega concederán un único galardón e non poderá recaer máis dun recoñecemento na mesma persoa. O premio consiste nunha escultura ou peza conmemorativa realizada por un artista galego de recoñecido prestixio e nun diploma acreditativo.

Recoñecemento á excelencia creativa

Os Premios da Cultura Galega recoñecen a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia. Na edición de 2019, os galardoados foron Xesús Alonso Montero, Soledad Penalta, Monicreques de Kukas, Amancio Prada, a serie de televisión O sabor das margaridas, Pilar Ponte Patiño, a restauración do Pórtico da Gloria e o programa Galego en Londres.