A Xunta convoca unha nova liña de axudas por 3M€ para apoiar proxectos de investigación sobre a covid-19

O programa financiará iniciativas que conseguiron avaliación positiva na convocatoria do Instituto de Salud Carlos III pero non obtiveron financiamento
Publicado por o día 24/08/2020 na sección de Coronavirus,Xunta de Galicia

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha nova liña de axudas posta en marcha pola Axencia Galega de Innovación (Gain), dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para apoiar proxectos de investigación relacionados coa enfermidade da covid-19 e o desenvolvemento de fármacos e vacinas eficaces.

En concreto, esta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros susceptibles de cofinanciamento a través de fondos Feder a través do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, está destinada a recuperar e apoiar aqueles proxectos de investigación galegos que se presentaron á convocatoria de expresións de interese do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade covid-19. A través desta convocatoria do ISCIII, que recibiu máis de 1400 expresións de interese, sete proxectos galegos recibiron fondos e preto doutra vintena foron avaliados favorablemente, sen obter financiamento. Agora, o programa da Xunta busca apoiar estes proxectos de alto nivel e calidade científica.

Os beneficiarios destas axudas serán organismos de investigación do Sistema Galego de I+D+i, públicos ou privados. Na selección das iniciativas, que se poderán desenvolver ata setembro de 2022, terase en conta a súa excelencia científico-técnica, a súa implementación e o seu impacto. A intensidade da axuda é do 100%, prevendo pagamentos anticipados de ata a totalidade da axuda en cada anualidade e o prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de setembro.

Investigación fronte á covid-19

A Xunta é consciente da importancia de fomentar a investigación de base sobre a enfermidade e o virus, tratando de anticiparse e desenvolvendo tratamentos e vacinas, así como medidas clínico-asistenciais que axuden a protexer a saúde das persoas e conter a propagación da enfermidade. Neste sentido, este programa de axudas busca contribuír a mellorar o tratamento da covid-19; mellorar a súa diagnose e o manexo clínico dos pacientes infectados polo coronavirus; e ao deseño, desenvolvemento e implantación de medidas de saúde pública para responder eficazmente á epidemia.

A liña de axudas enmárcase nas medidas impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), para dar resposta á crise sanitaria e que inclúe actuacións como o apoio a oito solucións innovadoras de pemes e universidades galegas transferibles ao sector da saúde, a industria e o comercio; a nova aceleradora de pemes innovadoras especializada na comercialización de solucións fronte á covid-19, Connect-19, ou a celebración do primeiro hackaton virtual en xuño para desenvolver solucións innovadoras que axuden ao tecido empresarial galego a adaptarse á nova realidade.