A Xunta convocou no que levamos de ano 143 permisos de explotación para marisqueo a pé e a flote en Galicia

A Consellería do Mar seguirá apostando por aumentar o número de prazas no marisqueo e por cubrir as prazas daquelas persoas que se van xubilando, dando remuda xeracional e recuperando esta actividade como fonte de emprego
Publicado por o día 29/03/2018 na sección de Mar

A Xunta convocou no que levamos de ano 143 permisos de explotación para marisqueo a pé e a flote en Galicia

A Consellería do Mar convocou no que levamos de ano un total de 143 permisos de explotación para marisqueo a pé e a flote en Galicia. Así, dentro da prioridade de crear emprego no mar e máis concretamente no sector marisqueiro, a Xunta publicou a convocatoria de 113 prazas para o marisqueo a pé, sete a flote, 18 de percebe a pé, tres de poliquetos a pé e dous de solénidos (navalla e longueirón) a flote.

Atendendo ás provincias da Coruña convocáronse 86 permisos de explotación para o marisqueo a pé, 18 para a extracción de percebe a pé, tres para a de poliquetos a pé e dous para a de solénidos. No caso da provincia de Pontevedra, a Xunta publicou a convocatoria de 23 prazas para o marisqueo a pé e sete prazas para a actividade desde embarcación. En relación á provincia de Lugo, convocáronse catro para a actividade marisqueira a pé.

As convocatorias destes empregos realízanse despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sustentabilidade dos recursos e criterios socieconómicos.

O incremento do número de persoas que se dedican ao marisqueo a pé é unha das liñas fundamentais nas que leva traballando a Consellería do Mar nestes últimos anos nos eidos ambiental, social e económico de cara a garantir o relevo xeracional. Neste sentido, a Consellería do Mar seguirá apostando por aumentar o número de prazas no marisqueo e por cubrir as prazas daquelas persoas que se van xubilando, dando remuda xeracional a este sector e recuperando esta actividade como fonte de emprego nas zonas costeiras.