A Xunta cre “insuficiente” o incremento en 45 millóns de euros para dependencia anunciado polo Goberno central

O Executivo central só achega o 24% para o financiamento da atención á dependencia, moi lonxe do 50% que fixa a Lei
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Social,Xunta de Galicia

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, cualificou hoxe de “insuficiente” o incremento en 45 millóns de euros para a atención á dependencia anunciado polo Goberno central para este ano. Na súa comparecencia na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, lembrou que este aumento “segue a ser claramente insuficiente” para que o Estado cumpra coa obriga legal de financiamento 50%-50% que marca a Lei de Dependencia.

Neste sentido, Fernando González explicou que na actualidade Galicia inviste na atención á dependencia 400 millóns de euros ao ano, dos cales un 76% saen das arcas autonómicas e só o 24% restante procede da Administración Xeral do Estado, moi lonxe do 50% que fixa a Lei. Con isto, explicou, cada ano o Executivo central deixa de achegar 200 millóns de euros, cos que se poderían reforzar e mellorar os servizos destinados ás galegas e galegos dependentes.

Pese a esta débeda do Estado, o director xeral apuntou que, segundo datos do Imserso, Galicia pechou o ano 2020 cunha ratio de atención á dependencia superior ao 92%, con máis de 62.500 persoas con prestación. Esta cifra é a máis alta acadada na serie histórica e sitúa á Comunidade Autónoma no conxunto de España na terceira posición en canto á porcentaxe de atención máis elevada e tamén de maior nivel de profesionalización tanto dos servizos como das prestacións recoñecidas.

Melloras na valoración

González Abeijón adiantou que o Goberno galego tamén está a traballar na mellora dos procesos de valoración, que se incrementaron nos últimos tempos debido ao estado de alarma e ás restricións derivadas da pandemia pola covid-19.

En concreto, apuntou que a Xunta trasladou esta mesma semana equipos de valoración da dependencia ás comarcas da provincia de Ourense para reducir o tempo de agarda das solicitudes. Esta iniciativa poderase levar a outras zonas da comunidade nas que sexa máis necesario reforzar as valoracións. Así mesmo, avanzou que tamén se está a procurar unha maior simplicidade nos trámites administrativos que son necesarios nos procesos de valoración, o que precisará da oportuna modificación da Lei de Dependencia.