A Consellería do Medio Rural creará un grupo de traballo multidisciplinar para definir e concretar as achegas de Galicia ao Plan estratéxico español da futura Política Agrícola Comunitaria (PAC). Este grupo de profesionais, tanto da propia Xunta como de fóra dela, encargarase de incorporar a esa planificación as especificidades e peculiaridades da nosa comunidade, de forma que se defendan e garantan os dereitos dos nosos agricultores e gandeiros na futura PAC máis alá do 2020.
Así o anunciou hoxe en Bruxelas o conselleiro do Medio Rural, José González, a onde se desprazou para asistir ao Consello de Ministros de Agricultura da Unión Europea en representación das comunidades autónomas españolas. O titular de Medio Rural sinalou que este grupo de traballo estará integrado por expertos na PAC da Administración autonómica, especialmente da propia consellería e do Fondo Galego de Garantía Agraria. Tamén se estudará a posibilidade de que formen parte del diferentes especialistas de entidades públicas e privadas, co fin de incorporar o maior número de achegas á postura de Galicia en defensa do noso sector agrogandeiro.
O conselleiro sinalou que a nosa comunidade ten unha posición moi clara respecto da futura PAC, froito do consenso coas organizacións profesionais agrarias e as cooperativas e que a Xunta está a defendela nos diferentes foros nos que ten presenza, sempre aberta a novas achegas e suxestións. Por iso, José González lembrou tamén que el mesmo fixo en sede parlamentaria unha chamada ao consenso e ao entendemento con todas as forzas políticas para reforzar esa postura, un chamamento que segue vixente.
Neste sentido, o conselleiro resumiu que Galicia defende unha PAC forte, común, que manteña o actual orzamento e que financie exclusivamente con fondos europeos o seu primeiro piar (as axudas directas). Avoga tamén por medidas que recoñezan as particularidades do noso territorio, por favorecer a incorporación de mozos á actividade agraria e por medidas para paliar as oscilacións dos prezos dos produtos agrarios, entre outros principios.
Ademais, o titular de Medio Rural tamén trasladou que a nosa comunidade aposta polo establecemento dun tope máximo de axuda por explotación de 60.000 euros, para favorecer as pequenas e medianas explotacións, ou a existencia dunha discriminación positiva para as zonas de montaña e con limitacións naturais.
Bioeconomía
Ademais, José González destacou a presentación que se fixo hoxe da actualización da estratexia de bioeconomía europea, cun plan de acción de 14 medidas que buscan potenciar o papel dos produtores primarios (agricultores e gandeiros) nesa estratexia mediante procedementos sinxelos como pode ser a utilización da biomasa forestal.
Así, a través desta estratexia preténdese mellorar o uso sostible dos recursos renovables e, deste xeito, abordar os desafíos globais dende o local, loitando deste xeito contra o cambio climático e a degradación dos ecosistemas apostando polo desenvolvemento sostible.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.