A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de solicitude de axudas para a creación de 15 novas Casas Niño no rural

Esta nova orde de subvencións, a cuarta deste programa, está dotada con 1,1 millóns de euros e permitirá consolidar a rede de recursos de conciliación no rural galego, podendo chegar ás 76 casas e 380 prazas de 0 a 3 anos
Publicado por o día 29/07/2019 na sección de Educación

A Xunta de Galicia abre mañá o prazo de solicitude de axudas para a creación de 15 novas Casas Niño no rural

A Xunta de Galicia abre maña e durante un mes o prazo de presentación de solicitudes para acollerse á nova convocatoria de axudas para a posta en marcha de 15 novas Casas Niño no rural, iniciativa que forma parte do Programa de apoio á natalidade da Consellería de Política Social. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica a orde que regula a concesión destas axudas.

As Casas Niño son un recurso gratuíto para as familias destinado a atención de nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade nos concellos de menos de 5000 habitantes nos que non exista ningún outro servizo de atención continuada á infancia de 0 a 3 anos. Esta convocatoria, a cuarta que habilita a Administración autonómica para subvencionar estes recursos, está dotada de 1,1 millóns de euros.

A día de hoxe estanse a subvencionar xa 61 destes equipamentos, o que supón a dotación de 305 prazas de atención á infancia no rural galego. Esta cifra poderá chegar ata as 76, cun total de 380 prazas, coa nova convocatoria que hoxe sae adiante.

O programa de Casas Niño deste ano conta con importantes novidades con respecto ao anterior. A principal é o incremento da contía do anticipo por atención educativa que reciben as persoas promotoras do recurso no primeiro ano, que pasa do 35% ao 100% da subvención que lles corresponda. Para as sucesivas anualidades, o anticipo sube do 35% ao 75% para todas as Casas Niño, tanto as de nova creación como as que xa están en marcha.

Ademais, de acordo co criterio que se comezará a aplicar a partir do curso que vén nas escolas infantís públicas, todas as nenas e nenos que acoden ás Casas Niño deberán ter as vacinas ao día. E unha terceira novidade desta convocatoria é que no caso de que a demanda de prazas supere a oferta –cada unha delas pode atender a un máximo de cinco nenas e nenos- teranse en conta as circunstancias laborais, académicas e a situación familiar do fogar, primando as familias monoparentais e as numerosas.

Contía das subvencións

As axudas para reformar o centro para prestar o servizo serán dun máximo de 15.000 euros por casa niño e a achega para a atención educativa ascenderá a 19.600 euros ao ano.

Poderán converterse en persoas promotoras dunha casa niño aquelas que vivan nun núcleo rural no que non exista ningún recurso de atención continuada á infancia dos 0 aos 3 anos, conten cun inmoble que cumpra coas condicións que se marcan na convocatoria, dispoñan dun plan de actuación para emerxencias e teñan unha titulación relacionada coa educación infantil ou ben formación ou experiencia neste ámbito.

Aposta pola conciliación

Con esta nova convocatoria de axudas para a creación de casas niño, o Goberno galego continua a mellorar os recursos de conciliación, tanto no eido urbano como no rural. Un compromiso coas familias que se pon de manifesto nas máis de 25.000 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, o dobre que hai nove anos; coas liñas de axudas para a apertura de escolas infantís en polígonos industriais e outras contornas laborais como confrarías e asociacións de cooperativas agrarias; e coa posta en marcha de prestacións como o Bono concilia, o Bono coidado ou a Tarxeta Benvida.