A Xunta de Galicia colabora coa fundación Pazo de Mos na realización de actividades culturais

Publicado por o día 01/08/2019 na sección de Galicia,Mos

A Xunta de Galicia colabora coa fundación Pazo de Mos na realización de actividades culturais

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asinou hoxe con presidente da Fundación Pazo de Mos, Antonio Rial, un acordo de colaboración para a realización de actividades culturais en Mos a través de dita institución, nun acto no que tamén estivo presente a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto coa concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e o tenente alcalde mosense, Camilo Augusto.

O obxectivo principal desta colaboración por parte da Xunta de Galicia coa Fundación é promocionar o Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio mosense e darlle vida ao Pazo, un dos principais reclamos turísticos e culturais do municipio e emblema do patrimonio histórico e arquitectónico da localidade.

O documento rubricado contempla a realización dun concerto no V Festival Intercéltico O Son do Pazo no mes de setembro, que estará protagonizado por unha entidade musical senlleira de música tradicional de Galicia. Así mesmo, ao abeiro deste acordo, programarase un ciclo de cinema contemporáneo, diversas sesións de contacontos a cargo da compañía de teatro Os Ghazafellos e levarase a cabo o programa Nadal en Rede 2019. A realización destas accións contará cun investimento por parte da Xunta de Galicia de 11.000 euros.

Anxo M. Lorenzo destacou o traballo da Fundación Pazo de Mos e do Concello de Mos a prol da difusión da nosa cultura, ao tempo que salientou a importancia da cooperación entre institucións e administracións para levar a cabo actuacións que redunden no beneficio dos galegos.

Pola súa banda a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, declarou que o obxectivo principal desta colaboración por parte da Xunta de Galicia coa Fundación é promocionar o Camiño de Santiago ó seu paso polo municipio mosense e darlle vida ó Pazo, “unha das principais xoias do patrimonio histórico e arquitectónico da nosa localidade”. Cómpre lembrar que o Concello de Mos xa realiza actividades varias nas instalacións do Pazo de Mos como iniciativas de todo tipo incluídas na programación municipal cultural anual, entre outras.

A alcaldesa aproveitou tamén para “agradecer o gran traballo da Fundación Pazo de Mos a prol da difusión da nosa cultura”. E destacou a situación estratéxica do Pazo de Mos que, como é sabido, atópase ubicado en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Comentar noticia

Your email address will not be published.