A xunta de Galicia e o Instituto Camões celebra en Vigo o día europeo das linguas

Valentín García participou no acto conxunto das dúas institucións, que incluíu un concerto multilingüe a cargo de Carolina Rubirosa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación conmemorou hoxe, como cada 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas. Fíxoo nun acto organizado en colaboración co Instituto Camões de Vigo que contou coa participación do secretario xeral Valentín García; de Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta en Vigo, e de Carla Sofia Amado, directora do Instituto Camões. O acto incluíu un concerto multilingüe de Carolina Rubirosa, vocalista do grupo The Funkles, quen estivo acompañada polo guitarrista Rafael Otero.

Valentín García declarou que “hoxe en día coido que somos conscientes da importancia de sabermos idiomas e, sobre todo, da importancia de aprendermos inglés, pero eu quero chamar a atención sobre o relevante que é -tanto desde un punto de vista cultural como desde un punto de vista económico- coñecermos as linguas dos que temos máis preto”. O secretario xeral de Política Lingüística tamén quixo lembrar “a inmensa sorte que temos os galegos de contarmos cun idioma propio, porque dominarmos dúas linguas case desde o berce fainos ser moito máis hábiles na aprendizaxe doutras novas e, se estas están tan próximas ao galego coma o portugués, aínda moito máis”.

Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase cada 26 de setembro o Día Europeo das Linguas cos obxectivos de destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de idiomas que se estudan para así incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural; preservar e promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa e promover a potenciar a aprendizaxe permanente de linguas tanto dentro como fóra dos centros educativos.

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase cada ano a esta conmemoración cun acto de sensibilización e coa difusión do traballo que se fai nos centros educativos arredor deste día da man dos equipos de dinamización da lingua galega.

O acto de 2018, organizado en colaboración co Instituto Camões de Vigo, contou cun concerto en que Carolina Rubirosa, vocalista de The Funkles, interpretou pezas en galego, portugués, inglés e castelán. The Funkles son coñecidos polas súas versións dos Beatles na lingua propia de Galicia, que mesmo chegaron a interpretar na mítica The Cavern, o local que acolleu a primeira actuación do grupo de Liverpool.

Toda a información e recursos están dispoñibles no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Lei Paz-Andrade

A celebración conxunta do Día Europeo das Linguas inscríbese no marco das colaboracións da Xunta de Galicia co Instituto Camões derivadas da entrada en vigor da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, máis coñecida como Lei Paz-Andrade.

A Lei Paz-Andrade foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia a raíz dunha proposición de iniciativa lexislativa popular avalada por 17.000 sinaturas. O seu obxectivo é aproveitar a vantaxe lingüística do galego na Comunidade dos Paises de Língua Portuguesa.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM