A Xunta de Galicia, en “parada técnica”

Por o 10/06/2019 | Sección: Política,PSOE
A Xunta de Galicia, en “parada técnica”
Compartir en:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alertou hoxe fronte a un goberno galego “en parada técnica”, que “perdeu o pulso e funciona por inercia, ao tran tran, agardando polas eleccións para darlle paso a un goberno de cambio, que é o que os socialistas pretendemos”. Así o dixo para valorar a parálise institucional e do programa lexislativo do goberno galego apenas un ano antes das eleccións autonómicas.

Leiceaga preguntaralle a Feijóo, no Pleno que comeza mañá, pola parálise á que está a sometendo ás institucións galegas, como é o caso do director da CRTVG, en interinidade dende que foi aprobada a Lei de 2012 que obriga a escoller o cargo por maioría parlamentaria. Algo semellante sucede coa Valedora do Pobo, á espera de que propoñan un substituto logo de que Milagros Otero fora condenada por desviación de poder e arbitrariedade e perdera a confianza da Cámara.

Tamén teñen aos 3 senadores que deben ser escollidos polo Parlamento de Galicia pendentes de que o PP propoña os nomes que lles corresponden e desbloqueen o trámite na Xunta de Portavoces, ou á presidencia do Consello Económico e Social, tamén en interinidade dende que destinaran á súa actual titular, Corina Porro, a presidir a xestora do PP de Vigo.

O responsable socialista puxo tamén como exemplo o baleiro na presidencia do Consello Social da USC, que leva un ano sen presidente, un cargo que ten que ser proposto polo goberno galego. Este caso constitúe un exemplo máis dunha situación que “non é boa para a institución nin para o conxunto de Galicia”, e que será obxecto dunha pregunta oral ao Goberno diante do Pleno do Parlamento que comeza mañá martes.

Esta situación de parálise esténdese tamén á programación lexislativa do goberno galego, que o ano pasado foi incumprida na práctica totalidade e non exercicio actual nin sequera foi feita pública. Fernández Leiceaga sinalou que, como pouco, falla ao non presentar as leis anunciadas de Emprego e de Impulso Demográfico.

Ferroatlántica

Estes textos son fundamentais, explicou, para “crear o marco” que permita “superar as debilidades” de Galicia á hora de afrontar situacións difíciles como a que está a vivir Ferroatlántica. Os socialistas galegos presentarán tamén no Pleno de mañá unha pregunta oral ao goberno galego para recabar da Xunta a información dispoñible, e reclamarlle os incentivos postos enriba da mesa e a súa implicación supervisando a venta da planta da Costa da Morte.

O portavoz socialista urxiu ao goberno galego a saír da súa inercia para tutelar a operación aberta por Ferroglobe coa venda da planta galega a un fondo de investimento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.