A Xunta de Galicia facilita aos participantes do programa ‘Correspondentes Xuvenís’ mellorar a presenza en redes sociais

Un total de 304 mozas e mozas correspondentes están a pasar a fin de semana no Complexo xuvenil As Mariñas onde reciben formación combinada con actividades lúdicas
Publicado por o día 20/01/2019 na sección de Educación

A Xunta de Galicia facilita aos participantes do programa ‘Correspondentes Xuvenís’ mellorar a presenza en redes sociais

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, reuniuse hoxe con 304 mozas e mozos de entre 14 e 20 anos que están a participar esta fin de semana no Encontro de correspondentes xuvenís no Complexo xuvenil As Mariñas.

Cristina Pichel deulle a benvida aos participantes nesta actividade na que se constrúen lazos de gran importancia e, ademais, se melloran as accións destinadas a promocionar a iniciativa a través, por exemplo, das redes sociais. Así mesmo, puxo en valor o importante labor que realizan estas mozas e mozos ao longo do curso, posto que exercen de auténticos embaixadores dos diferentes programas e acción xuvenís que se poñen á súa disposición.


O programa Correspondentes Xuvenís no presente curso escolar conta con 856 participantes no conxunto de Galicia, 250 persoas máis que na edición anterior. Son mozos e mozas de 89 centros diferentes que estudan segundo ciclo de secundaria, bacharelato ou ciclos medios e superiores de formación profesional.

Cómpre recordar que esta é unha iniciativa da Xunta de Galicia que consiste nunha rede de mozos e mozas que teñen o papel de “antenas informativas” para difundir nos seus centros de ensino programas e información de interese xuvenil entre iguais.

Os mozos e mozas que participan de maneira voluntaria neste programa encárganse de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese. O programa Correspondentes xuvenís é unha ferramenta que permite potenciar as habilidades comunicativas e sociais dos participantes; favorece a asunción temperá de responsabilidades e transmite valores como a solidariedade, a participación entre iguais e o liderado.

Estes correspondentes reciben gratuitamente formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar no que están como correspondentes. Ademais, recoñéceselles, mediante un certificado expedido pola Administración autonómica, o tempo dedicado ás actividades como persoas voluntarias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.