A Xunta de Galicia financiará en Vigo programas sociais desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro

O Goberno galego inviste un total de 12,9 millóns de euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Impostos sobre a Renda das Persoas Físicas
Publicado por o día 11/01/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia financiará en Vigo programas sociais desenvolvidos por entidades sen ánimo de lucro

A Consellería de Política Social inviste 12,9 millóns de euros con cargo á asignación tributaria do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) a financiar 367 programas de carácter social que impulsan 97 entidades en toda Galicia. No caso das organizacións con sede na cidade olívica son 13 as que se benefician de achegas por un valor de 476.000 euros.

En concreto, as organizacións da área viguesa que reciben fondos con cargo a esta orde son: Fundación Érguete-Integración, Asociación Arela, Fundación Aldaba, Asociación galega de familias numerosas, Emaús Fundación Social, Aldeas Infantiles SOS Galicia, Acción Solidaria Galicia (Asdegal), Fundación Tutelar Sálvora, Orde Hospitalaria de San Juan de Dios, Asociación Xaruma, Remar Galicia, Asociación Centro Cultural Artístico e Recreativo Valladares e Asociación Párkinson de Vigo.

A través desta orde do IRPF, Política Social axuda ao desenvolvemento de diferentes programas, entre outros: accións de acompañamento hospitalario, de apoio integral a persoas con discapacidade intelectual, de promoción do voluntariado ou de apoio a persoas e familias en situación ou risco de exclusión social.

Ademais, a estas accións hai que engadir as que levan a cabo as distintas federacións de ámbito autonómico que teñen implantación en Vigo e a súa contorna. Este é o caso, por exemplo, de organizacións como Cogami, Autismo Galicia, Asociación Parálise Cerebral (Aspace) ou Fademga Plena Inclusión Galicia.

367 proxectos nas catro provincias O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta semana a resolución de axudas con cargo ao IRPF que distribúe a Consellería de Política Social. Con esta orde impulsaranse ao longo deste ano 367 proxectos en 97 entidades de Galicia.

As actuacións que se financian con estas achegas correspóndense ao eido da familia e a infancia, ao ámbito da inclusión social e a loita contra a pobreza; á area de Xuventude e o fomento do voluntariado; e ao eido da asistencia ás persoas maiores ou con discapacidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.