A Xunta iniciará este ano en Vigo a construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia

O conselleiro de Sanidade presentou hoxe o proxecto da nova infraestrutura sanitaria, e afirmou que nos orzamentos anuais xa hai consignados 1 millón de euros para a licitación e inicio da obra
Publicado por o día 16/01/2021 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Vigo

A Xunta iniciará este ano en Vigo a construción do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia

“O novo Centro de Saúde Integral representará unha oportunidade de mellora dos servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio de As Travesas e incrementará a carteira de servizos de Atención primaria que se presta na actualidade”. Con estas palabras explicou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, os beneficios para a cidade de Vigo do futuro Centro de Saúde Integral Olimpia Valencia, cuxo proxecto foi presentado hoxe .

No transcurso desta presentación, o conselleiro -que estivo acompañado pola delegada da Xunta, Marta Fernández Tapias; o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente; o xefe de servizo de López Mora, Alberto Bravo; e o arquitecto Eduardo Herraez- asegurou que a nova infraestrutura sanitaria vaise acometer este ano, para o que xa están consignados 1 millón de euros dirixidos á licitación e inicio da obra.

O futuro CIS, que emprazarase no antigo edificio dos xulgados da rúa Lalín unha vez trasladados estes á Cidade de Xustiza- beneficiará a unha poboación de 42.000 persoas.

O obxectivo fundamental da nova infraestrutura é substituír ao centro de saúde de López Mora, que está obsoleto, presentando unhas condicións estruturais que son mellorables, cunha evidente limitación espacial que condiciona o seu crecemento e desenvolvemento.

Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de Atención primaria e dotar a esa zona daquelas prestacións que a día de hoxe non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia .

Novas prestacións sanitarias

O proxecto presentado hoxe contempla unha superficie de 7.370 m2 construídos que será distribuída en 6 plantas. Ademais dos servizos básicos de Medicina de Familia,

Pediatría, Enfermería, Telemedicina e imaxe médica, Cirurxía menor, Sala de técnicas de alta resolución de Enfermería, Ecografía, Traballo social e Matrona, contará coas novas prestacións de Fisioterapia, Farmacia e Saúde bucodental.

Así, segundo describe a proposta arquitectónica, incluirá os seguintes espazos:

· Área de Recepción: con 8 postos de recepción/citación, despacho administrativo, almacén de cadeiras de rodas e padiolas, 1 consulta de urxencias e sala de observación de urxencias.

· Área de Atención Clínica: 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 1 de farmacia, 6 gabinetes polivalentes, 1 sala de extraccións, 2 salas de técnicas.

· Área de Pediatría: 8 consultas de pediatría, 8 de enfermería pediátrica, 1 sala de atención, 1 sala de lactancia.

· Área de Atención á muller: 2 consultas, 1 aula preparación de parto, almacén e vestiario para a aula.

· Área de Docencia: 2 consultas de docencia MIR, 2 consultas de docencia enfermería.

· Área de Saúde Bucodental: 1 consulta odontólogo, 1 consulta hixienista dental.

· Área de Rehabilitación: 2 Consultas fisioterapia, 6 Cabinas de tratamento, 1 Ximnasio de fisioterapia, e 2 vestiarios.

· Área de Telemedicina: 1 Sala de sistemas avanzados de telemedicina

· Outras Áreas: 2 Consultas de Asistencia social, 2 Despachos coordinación, 1 Almacén de dispensación de farmacia ambulatoria, e 2 Vestiarios.

· Área de Persoal: 1 Sala de xuntas/biblioteca, 1 Sala de estar de persoal

Ademais, contará tamén cunha base do 061.

90 profesionais

O número de profesionais do CIS será de 90 aproximadamente (o persoal dos servizos de primaria actuais que se integrarán no novo centro, máis o que corresponderá á atención ás novas prestacións).

O seu horario de funcionamento será de 8.00 a 22.00 horas, facilitando así aos profesionais a conciliación coa vida familiar, ao posibilitarlles a realización de quendas deslizantes ou rotatorias.

A ampla capacidade prevista para a nova infraestrutura sanitaria permitirá contar con dispoñibles suficientes que posibiliten liberar espazos doutros centros de saúde cando sexa necesario, atendendo á demanda poboacional, a incrementos de recursos -tanto humanos como materiais-, ou a incorporacións de novas prestacións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.