A Xunta de Galicia rexeita a decisión unilateral de Endesa de pechar a central térmica das Pontes

A empresa racha con todos os compromisos adquiridos e comunica a súa intención de desmantelar a planta antes incluso de presentar as conclusións do seu informe ao resto de integrantes da mesa de traballo das Pontes
Publicado por o día 19/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia rexeita a decisión unilateral de Endesa de pechar a central térmica das Pontes

A Xunta de Galicia amosa a súa máis absoluta oposición á decisión unilateral anunciada por Endesa de pechar a central térmica das Pontes. O Goberno galego lamenta que a compañía tome esta decisión sen contar co resto de integrantes que conforman a mesa de traballo que está a buscar solucións para esta comarca. Neste sentido, trátase dunha decisión que a empresa adopta aproveitándose dunha transición enerxética inxusta, caótica e desordenada que está levando a cabo o Executivo central.

Despois de dez meses nos que a través dun grupo técnico –no que están presentes todas as administracións e no que a Xunta participa a través do Inega– se están buscando alternativas industriais que fagan viable a planta desde o punto de vista técnico, medioambiental e económico, Endesa vén de rachar con todos os compromisos adquiridos e anuncia o peche da central antes incluso de presentar o informe coas conclusións das probas con biocombustibles. Por este motivo, o Goberno galego rexeita tanto a decisión como a falta de respecto institucional e con Galicia que acaba de amosar Endesa. Non se pode consentir que adopte esta decisión transcendental para o futuro desta comarca de forma unilateral.

As Pontes, os traballadores da central térmica e da industria auxiliar, e os camioneiros non se merecen o peche da planta. Trátase dunha decisión nefasta. Por este motivo, a Xunta de Galicia solicita ao Goberno que convoque canto antes a mesa das Pontes para que a empresa explique esta decisión e se poidan avaliar polo miúdo por parte dos técnicos as conclusións do seu informe. Cómpre lembrar que as últimas informacións apuntaban a que, segundo os resultados das probas con biocombustibles, a planta podería ser viable desde o punto de vista técnico e medioambiental, polo que o anuncio de hoxe é aínda máis incomprensible.

A Xunta de Galicia seguirá loitando da man dos traballadores para que As Pontes teña o futuro que se merece e impedir que as escusas ofrecidas hoxe por Endesa –amparadas nesta transición enerxética caótica que está poñendo en perigo miles de postos de traballo na Comunidade– lle sirvan para pechar a planta.

Desde a Administración autonómica seguiremos da man dos traballadores das Pontes defendendo os seus empregos e colaborando como ata agora na busca dun futuro industrial que garanta a viabilidade da planta.