A Xunta de Galicia viola a lei impedindo sistematicamente a participación pública na xestión de caza

Varias organizacións ecoloxistas (Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Crea) denuncian que A Xunta de Galicia autoriza os campionatos e batidas omitindo a participación pública na toma de decisións con respecto aos recursos cinexéticos, que segundo a Lei de caza de Galicia, corresponden a todas as administradas e non exclusivamente ao lobby da caza.
Publicado por o día 29/12/2020 na sección de Ecologistas en Acción,Medio Ambiente,Social

Varias organizacións ecoloxistas (Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Crea) denuncian que A Xunta de Galicia autoriza os campionatos e batidas omitindo a participación pública na toma de decisións con respecto aos recursos cinexéticos, que segundo a Lei de caza de Galicia, corresponden a todas as administradas e non exclusivamente ao lobby da caza.

As asociación ecoloxistas sinalan que a Xunta de Galicia designa  “a dedo” á representación das entidades naturalista e ecoloxistas de Galicia no seo do Comité galego de caza, no canto de deixar que estas elixan as súas representacións como indica a lei.

Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo e Cova Creva instan á Xunta de Galicia a que poña fin a reiterada falla de transparencia na política de caza. Tamén reclaman ademais avaliación ambiental e participación pública para as aprobacións dos Plans de caza, tanto para os plans anuais de aproveitamentos cinexéticos como os Plans de ordenación cinexética e a súa renovación.

Ditas asociacións declaran que é moi difícil conseguir as actas dos distintos comités, é difícil acceder aos distintos plans de xestión das especies cinexéticas, aos calendarios dos campionatos de caza. 

Sinalan ademáis que hai plans de xestión que non están actualizados e outros, como os do xabarín que pese a elaborarse non se chegaron a publicar no boletín oficial correspondente, polo que existe un descoñecemento xeneralizado tanto dos censos de especies cinexéticas como da xestión planficada desde a Consellería para cada unha delas.

Segundo as organizacións ecoloxistas hai toda unha serie de procedementos que necesitan da autorización do órgano administrativo de caza e que nunca chegan a coñecer o seu verdadeiro alcance ambiental, pese as implicacións importantes que estas autorizacións teñen sobre o medio ambiente e os recursos cinexéticos. 

Poñen como exemplo que non existe publicidade sobre das aprobacións dos Plan anuais de aproveitamentos cinexéticos, tampouco sobre das aprobacións dos Plans de ordenación cinexética e a súa renovación,  nin sobre das autorizacións de cazarías que se realizan baixo as modalidades de batida, montaría, espera e axexo. Non existe tampouco publicidade sobre os resultados cinexéticos de ditas cazarías. Tampouco sobre as autorizacións concedidas para realizar xestión cinexética en vedados por razóns técnicas, de seguridade, científicas, sanitarias ou sociais, nin as autorizacións outorgadas para cazar aves prexudiciais para a agricultura e a caza.

Tampouco sobre as autorizacións para realizar as competicións de caza e a publicación dos calendarios destas coa adecuada antelación, nin sobre as autorizacións para realizar batidas, montarías ou esperas en zonas libres de caza, as autorizacións para realizar batidas ou montarías por danos ocasionados polas especies cinexéticas, as autorizacións para realizar esperas e axexos por danos ocasionados polas especies cinexéticas, as autorizacións  para realizar soltas de especies cinexéticas no medio natural, sobre as autorizacións para a caza  do paspallás (Coturnix coturnix), pombo torcaz (Columba palumbus) e rula común (Streptopelia turtur), sobre a cría á sol  e un longo etcétera.

Existe, asemade, unha falta total de información en canto ás soltas de especies cinexéticas, e a orixe ou destino das mesmas. Feito que pon en perigo a identidade xenética das especies en Galicia. 

Ademais, segundo denuncias as asociacións ecoloxistas, en Galicia a planificación cinexética non conta coa preceptiva avaliación ambiental dos impactos da actividade cinexética sobre dos ecosistemas e as familias que viven no rural.

Lembran que os plans técnicos de caza son un instrumento de xestión aplicado a un determinado terreo, que ten por finalidade o seu aproveitamento cinexético de acordo co tamaño das poboacións obxecto de caza, tendo como prioridade a preservación e conservación dos hábitats, así como o mantemento do potencial biolóxico das especies no medio natural. Sen embargo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural substrae este documento da participación pública e da avaliación ambiental, polo que o medio rural queda en mans do sector cinexético que só representa ao 1% da poboación e que enche o monte de especies cinexéticas comerciais que desequilibran os ecosistemas e a biodiversidade. 

A ausencia de seguimentos anuais e avaliacións ambientais xera un descontrol absoluto nos ecosistemas producindo un grave desequilibrio na súa conservación.

Tanto os plans anuais de aproveitamento cinexético como os plans de ordenación cinexética e a súa renovación deberan contar con unha avaliación das súas repercusións sobre do medio natural. Hai que ter en conta que estes plans regulan os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a tempada 2020/21, que abarca o período comprendido entre o 1 de agosto de 2020 e o 31 de xullo do ano 2021. Os  tecores ou explotacións cinexéticas comerciais que teñan vixente o seu plan de ordenación cinexética deberán presentar o plan anual de aproveitamento cinexético ante a correspondente xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para o que deben presentar a correspondente solicitude de autorización.

A opacidade que rodea a todos estes instrumentos de planificación cinexética incomoda ás familias que viven no rural e á cidadanía que quere facer uso do monte no seu tempo de lecer. A Xunta de Galicia omite, violando a lei 21/2013 e o Convenio de Aarhus a participación do público na toma de decisións cinexéticas que afectan a toda a cidadanía.

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental parte da experiencia acumulada nos vinte e cinco anos de aplicación, en España, da avaliación ambiental. Durante este tempo, a consideración dos impactos ambientais dos proxectos, primeiro, e dos plans e programas, despois, revelouse como unha ferramenta útil para asegurar a sustentabilidade do desenvolvemento económico.

A consecuencia xurídica derivada do incumprimento desta obrigación, expresamente sinalada na propia lei, é que carecerán de validez os actos de adopción, aprobación ou autorización dos plans, programas e proxectos, ou no seu caso, cando cumpra a declaración responsable ou a comunicación previa relativa a un proxecto que, estando incluídos no ámbito de aplicación desta lei non se someteron a avaliación ambiental, sen prexuízo das sancións que, no seu caso, poidan corresponder.

2 Respuestas a "A Xunta de Galicia viola a lei impedindo sistematicamente a participación pública na xestión de caza"

Comentar noticia

Your email address will not be published.