A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa que afecta ao litoral da provincia de Lugo e ao noroeste da Coruña

A Xunta recorda a necesidade de estremar as precaucións, seguir as medidas de protección pertinentes e consultar a súa web www.axega112.gal
Publicado por o día 28/06/2017 na sección de A Coruña,Galicia,Lugo,Xunta de Galicia

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa que afecta ao litoral da provincia de Lugo e ao noroeste da Coruña

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral das provincias da Coruña e Lugo, durante o día de hoxe.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), haberá ventos do oeste de forza 7 a 8, e mar gruesa e mar combinada do noroeste aumentando ata os 4 metros, no litoral da provincia de Lugo e no noroeste da provincia da Coruña.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.