A Xunta debe acordar cos veciños de Ons o réxime de accesos á iIlla

Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta debe acordar cos veciños de Ons o réxime de accesos á iIlla

A portavoz de Ordenación Territorial do Grupo Socialista, María Pierres, esixiulle á Xunta “diálogo” cos veciños e veciñas da Illa de Ons afectados polos obstáculos de Medio Ambiente ao acceso dos familiares ás propiedades. A responsable socialista interveu na comparecencia da Conselleira de Medio Ambiente, hoxe no Parlamento, á que criticou por demostrarse “máis cómoda na provocación que na solución”.

Pierres advertiu que o conflito na xestión de accesos á Illa, integrada no Parque Natural das Illas Atlánticas, que se ten “avivado pola aprobación acelerada do plan reitor” deixando aos veciños á marxe de normas que lles afectan directamente. Criticou a “nefasta estratexia de impoñer primeiro para negociar despois” penalizando aos veciños “por enriba dos turistas” e tratándoos como unha “molesta mochila”.

A parlamentaria socialista acusou ao goberno galego de condenar aos familiares dos residentes a competir cos turistas para acadar un posto nos barcos que viaxan á illa, que esgotan as prazas e os obrigan a “programarse con 45 días de antelación”. Acusou á conselleira de “provocar feridas para poñer tiritas” e advertiu que “esta ferida sangra máis do que puideran prever, e este verán vai quedar como outro dos episodios de loita aos que condenan aos veciños e veciñas de Ons”.

Diálogo

A responsable socialista advertiu que “o diálogo ten que darse de modo máis fluído” e partindo dun “estudo pormenorizado e serio do impacto do aceso á illa da veciñanza, dos seus familiares e amizades”. Ata o momento, dixo, “o diálogo non frutificou porque non se tivo en conta o sentimento” dos veciños e veciñas coa illa, e “non entenden o apego a algo que é moito máis que unha vivenda”.

Pierres acusou ao PP e ao goberno galego de “falar de privilexios para prexudicar aos dereitos dos residentes na Illa”, e advertiu que “as proteccións poden e deben convivir cos residentes, porque non haberá mellor aliado para a protección do lugar que aquel que o sinte de seu”. Amosou o compromiso dos socialistas coa protección do territorio e puxo como exemplo de mala práctica o “abuso do uso privilexiado dos consellers do PP nos espazos protexidos da Illa de Cabrera”.