A Xunta debe implicarse na defensa dos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes

Por o 30/01/2019 | Sección: Política,PSOE
A Xunta debe implicarse na defensa dos traballadores da central térmica de Endesa en As Pontes

A portavoz de traballo do Grupo Socialista, Patricia Otero, reclamoulle hoxe ao Parlamento que impulse as iniciativas necesarias para retomar as negociacións do V Convenio Colectivo Marco do Grupo Endesa, rotas de forma unilateral pola empresa, á que pertence a Central Térmica de As Pontes. Otero presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento celebrado hoxe, que foi rexeitada polo PP.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que tome cartas no proceso e poña en marcha tódolos mecanismos ao seu alcance, ben pola vía do Consello Galego de Relacións Laborais ou ben a través de iniciativas propias, para reparar esta situación que afecta a toda a plantilla da central térmica. Instou á Xunta a defender aos traballadores galegos fronte á “mala fe” demostrada pola empresa.

Otero salientou a relevancia da central térmica, con “cerca de 300 traballadores en activo” e outros 2.000 “pasivos” -entre xubilados, viúvas ou orfos dos traballadores e traballadoras-, o que revela o seu peso “non só para as Pontes, senón para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal”.

Explicou que “Endesa sorprendentemente denunciou o IV Convenio’’, provocando unha situación “excepcional” porque, explicou, “non é o habitual que a empresa sexa quen denuncia o Convenio Colectivo”, e demostrando que “carecía de vontade negociadora” para acadar un novo acordo”. Advertiu que “a empresa só busca sacar partido da reforma laboral de 2012, aproveitándose a delimitación de ultraactividade dos convenios”.

Todo isto veu facilitado pola aprobación do “Real Decreto Lei para recortar dereitos á clase traballadora’’ polo Goberno de Mariano Rajoy en 2012, unha reforma que, dixo, “aniquilou algo tan fundamental como a negociación colectiva”. A socialista defendeu a “recuperación da ultraactividade e a colaboración da Xunta para a solución efectiva no marco das negociacións”.

Proposta

A proposta presentada pola deputada socialista pasaba por “levar adiante iniciativas propias ou ben a través do Consello Galego de Relacións Laborais, que axuden a retomar a negociación do V Convenio Colectivo Marco do grupo Endesa”, ademais de solicitarlle ao goberno do Estado “a recuperación da ultraactividade dos convenios colectivos”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.