A Xunta debe ofrecer unha aposta económica forte e decidida para afrontar o afundimento das exportacións galegas

Publicado por o día 19/05/2020 na sección de Política,PSOE

A Xunta debe ofrecer unha aposta económica forte e decidida para afrontar o afundimento das exportacións galegas

O vicesecretario xeral do PSdeG-PSOE, Pablo Arangüena, reclamoulle hoxe ao goberno galego “unha aposta económica forte e decidida” para afrontar o afundimento das exportacións galegas, que segundo o IGE caeron un 26,7 por cento en marzo, coa que é a maior caída do Estado e duplica a media estatal do 14,4 por cento.

O responsable socialista lembra que Feijóo “dispón de competencias plenas en economía e industria” para afrontar esta situación que “non é culpa nin da Xunta nin do goberno de España”, pero sinala que “lamentablemente non está a facer o esforzo que precisa a economía galega para protexer ao seu tecido industrial e que complemente ao do goberno de España”.

Arangüena sinala que “nunha situación de frenazo económico histórico, a forte aposta económica do Goberno central segue sen atopar eco no goberno galego, que ten 11.000 millóns de euros de orzamento e plenas competencias en materia económica e industrial”.

Puntualiza que “Feijóo non pode limitarse a dicir, como fixo publicamente, que a reactivación económica é cousa do goberno” xa que, lembra, “a Xunta careceu de política industrial e política económica activa nos últimos 11 anos”. Lembra que “a súa aposta máis sinalada lamentablemente foi a operación Pemex, que rematou nun fiasco e cun dos directivos implicados detido en México”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.