A Xunta defende as actuacións levadas a cabo na residencia Domusvi Vimianzo para facer fronte aos gromos de coronavirus

Garantiuse en todo momento a calidade asistencial e de coidados dos residentes e desde o primeiro momento o centro estivo baixo a supervisión e tutela da Administración autonómica
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Coronavirus,Salud,Sanidad

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, asegurou esta mañá que na residencia de maiores DomusVi Vimianzo se garantiu en todo momento a calidade asistencial e de coidados dos residentes. Díxoo na Comisión 5ª, de Sanidade, Política Social e Emprego, onde explicou as actuacións levadas a cabo neste centro residencial ante os gromos de coronavirus.

Na súa comparecencia, Antón Acevedo explicou que esta residencia estivo, desde o primeiro momento, baixo a supervisión e tutela da Xunta de Galicia e que cumpriu con todos os plans de continxencia, así como coas medidas organizativas necesarias.

Ao respecto, destacou que o equipo de seguimento de residencias da área sanitaria da Coruña realizou visitas diarias ao centro e que este se reforzou con dous médicos e cinco enfermeiras. Tamén sinalou que os pacientes estiveron monitorizados permanentemente por persoal sanitario.

Probas PCR e antíxenos

O director xeral detallou, así mesmo, que desde que se detectou o gromo se levaron a cabo máis de sete cribados e, ademais, fixéronse probas de PCR e de antíxenos diariamente tanto a traballadores como a residentes. Nesta liña, indicou que se cubriron as baixas de profesionais coa máxima celeridade posible e que se derivaron ao hospital todos os residentes que o precisaron.

Antón Acevedo apuntou que o risco cero non existe, pero que desde o primeiro momento da pandemia a Xunta está a utilizar todas as ferramentas das que dispón para protexer os centros residenciais. Para iso activáronse protocolos, plans de continxencia e sistemas de detección e cribado precoz para evitar no posible que o virus entre nas residencias e, se entra, evitar ao máximo a súa diseminación.