A Xunta defende que se eliminen as franxas horarias e as limitacións ao municipio na práctica deportiva

O Goberno galego entende que, xa na fase I, deben levantarse estas limitacións que non están vixentes para outras actividades sociais
Publicado por o día 16/05/2020 na sección de Coronavirus,Xunta de Galicia

A Xunta defende que se eliminen as franxas horarias e as limitacións ao municipio na práctica deportiva

A Xunta de Galicia defende que se eliminen as franxas horarias e a limitación de non poder saír do municipio na práctica deportiva. O Goberno galego entende que, xa na fase 1, deben levantarse estas limitacións que non están vixentes para outras actividades de tipo social, de restauración ou de turismo.

Así se abordou hoxe na novena reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que acordou elevar ao Goberno central un consulta neste sentido para que faga “unha aclaración moi necesaria” este asunto. A reunión estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e contou con representación da Delegación de Goberno e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Actualmente, existen distintas prácticas permitidas sen franxas horarias e que tampouco están limitadas ao límites do municipio, xa que se permite a mobilidade dentro da provincia. De aí que a Xunta entenda que debe haber un trato igual para a práctica deportiva tendo en conta, ademais, que os horarios restrinxen significativamente a algunhas modalidades deportivas -como o surf ou o ciclismo- e provocan, á súa vez, aglomeracións ás horas nas que si se poden practicar. Segundo Rueda, “se a día de hoxe a vida social xa está máis ampliada, se se pode desprazar calquera persoa por toda a provincia e está permitido o desprazamento á segunda residencia, o que non ten sentido é que se siga obrigando aos milleiros de persoas que fan deporte todos os días a que o fagan nunhas horas concretas do día e que se teñan que circunscribir ao seu termo municipal”.

En resumo, “estamos facendo sempre un chamamento á responsabilidade da cidadanía, a que cumpra as normas e a que observe as garantías sanitarias. O que temos que ser tamén é coherentes e ditar normas que estean en consonancia co aquelo que se está pedindo”, explicou o vicepresidente.

Apertura de establecementos de máis de 400 metros cadrados

O Cecop tamén abordou medidas no ámbito comercial. Tendo en conta a progresiva recuperación da actividade comercial que se prevé para as próximas semanas, tamén se acordou deixar sen efecto o punto cuarto do Acordo do 15 de marzo, que, co obxectivo de garantir o abastecemento da poboación, establecía a liberdade horaria para os establecementos de primeira necesidade.

Así, volven estar vixentes as limitacións establecidas na Lei 13/2006, de horarios comerciais de Galicia, que fixa que só teñen liberdade horaria os establecementos de ata 300 metros cadrados (excluídos os pertencentes a empresas ou grupos de distribución que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa), entre outras excepcións.

Ademais, na reunión de hoxe tamén se acordou pedir ao Goberno central que clarifique se os establecementos que dispoñan dunha superficie maior a 400 metros cadrados poidan reiniciar a súa actividade na fase 1 reducindo temporalmente a súa superficie comercial ata dito límite, sempre que cumpran o resto de condicionantes establecidos. Esta demanda xa foi trasladada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na última reunión co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e outros presidentes autonómicos.

Actividade presencial en bibliotecas, museos e arquivos

No eido cultural, aprobouse o protocolo polo que se establece o reinicio da actividade presencial das bibliotecas, museos e arquivos xestionados pola Xunta de Galicia, un total de 23. Nos últimos días, cada centro directivo traballou nas actuacións necesarias para a reapertura seguindo as indicacións fixadas polo Ministerio de Sanidade. Tras esta fase preliminar de adecuación, inician progresivamente a atención presencial, que comezará o luns no caso das bibliotecas e un día despois, o martes, no dos museos.

Os primeiros servizos que se activarán nas bibliotecas serán o préstamo e devolución de materiais e a lectura en sala. Os fondos devoltos deberán pasar unha corentena de 14 días. Pola súa banda, os museos abrirán cun terzo do seu aforo e sen visitas en grupos. Mentres, os arquivos manteñen inicialmente a atención telemática, reservando a atención presencial para casos imprescindibles e baixo cita previa. O protocolo, que busca garantir a seguridade sanitaria para traballadores e usuarios, foi xa abordado cos representantes sindicais e establece pautas e medidas de protección e hixiene.

Exención do canon da auga e adaptación das taxas portuarias

Co obxectivo de dar facilidades ás empresas e contribuír a que teñan liquidez, o Cecop tamén acordou levar a cabo a exención do pagamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a aquelas empresas que se viron obrigadas a suspender a actividade polo Estado de Alarma e que tributan sobre unha estimación obxectiva do consumo, e non por consumo real, como os balnearios e outras empresas do sector servizos.

Esta medida evita gravar por un consumo de auga non realizado ás empresas que viron a súa actividade suspendida. Deste xeito, poderán acreditar ante Augas de Galicia a paralización da súa actividade e o tempo de cese, e abonarán en concepto de canon da auga e coeficiente de vertedura, a parte proporcional aos días de cese no cuadrimestre correspondente.

Nesta mesma liña de acción pero no eido portuario, o Cecop aprobou un acordo polo que Portos de Galicia dá conta de que non cobrará taxas pola utilización do dominio portuario coa instalación de terrazas aos propietarios de locais de hostalería e restauración asentados nos peiraos autonómicos que non ocuparon ese espazo durante o período que vai desde a declaración do estado de alarma ante a alerta sanitaria polo coronavirus, o pasado 14 de marzo, ata o inicio da fase 1 do plan de desconfinamento, que entrou en vigor o 11 de maio.

O ente dependente da Consellería do Mar adopta esta decisión sendo consciente de que a suspensión de determinadas actividades empresariais, comerciais, de hostalería e restauración así como culturais e de ocio fixo que, por causas non imputables aos usuarios, non se puidese exercer o uso e aproveitamento especial do dominio público nin o desenvolvemento da actividade de terrazas na hostalería.

Portos de Galicia tamén está a estudar as medidas a adoptar para garantir o axuste do importe das taxas que son de aplicación ás terrazas de hostalería ás limitacións que establece a normativa que regula o estado de alarma e o plan de desconfinamento sobre as capacidades máximas permitidas nesas terrazas.

Formación presencial na AGASP

O Cecop tamén acordou hoxe a recuperación gradual da formación presencial na Academia Galega de Seguridade Pública, que tiña suspendido temporalmente a súa actividade académica. Así, retomarase o curso básico selectivo de acceso á categoría de policía local, correspondente á súa 12º promoción.

Cando se decretou o Estado de Alarma, o alumnado deste curso -que acababa de comezar- incorporouse de xeito extraordinario para un período de prácticas nos seus concellos de destino. Agora, a partir do 1 de xuño, volverán á formación presencial, na que se cumprirán todas as medidas hixiénico-sanitarias, coas máximas garantías. Posteriormente, do 11 de xullo ao 30 de agosto incorporaranse de novo á formación práctica nos seus concellos, con teleformación na AGASP; e, finalmente, retomarán a formación presencial na Academia do 31 de agosto ao 30 de novembro.

O Cecop tamén acordou iniciar os procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de polícía local e de policía local, entendendo que a súa cobertura é indispensable para a protección do interese xeral.

Recollida de apuntamentos

Por outra banda, o Cecop acordou interpretar como situación de necesidade a mobilidade entre provincias, limitada e debidamente xustificada, para que o alumnado matriculado nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (isto é, universidades de Santiago de Compostela, Vigo ou A Coruña) poida recoller os apuntamentos e efectos persoais no lugar no que residían ata o momento de suspensión das clases. Deste xeito, Galicia convértese na primeira Comunidade Autónoma en atender esta demanda do estudantado universitario e transmitida polas Universidades á Consellería de Educación.

Cada universidade habilitará o procedemento correspondente, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando a data e enderezo do aloxamento de destino. A autorización será só para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2020/21, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias.

Reapertura de parques naturais

Tamén se procederá á reactivación da actividade cara ao público nos centros de visitantes e de interpretación e as aulas de natureza dos parques naturais e doutros espazos protexidos da comunidade. A actividade ordinaria nestas instalacións, ao igual que as visitas guiadas, levaban suspendidas desde o inicio da declaración do Estado de Alarma.

O Cecop procederá a levantar esta suspensión ao amparo da orde do Ministerio de Sanidade de 30 de abril, que regula as condicións nas que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre e permite “circular por calquera vía ou espazo de uso público, incluídos os espazos naturais e zonas verdes autorizadas”. A reapertura realizarase seguindo o Protocolo de medidas de prevención do COVID-19 nos centros de visitantes dos seis parques naturais de Galicia e nas aulas da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Celebración de mercados de gando

Por outra banda, o Cecop decidiu tamén levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en Galicia, sempre respectando os protocolos de seguridade e prevención establecidos polas autoridades sanitarias.

Esta medida adóptase tendo en conta a recente disposición do Ministerio de Sanidade que flexibiliza determinadas restricións sobre a reapertura dos establecementos e locais comerciais minoristas, incluíndo tamén os mercados que desenvolvan a súa actividade ao aire libre ou venda non sedentaria na vía pública. Todo isto, ademais, respectando as competencias que sobre a materia corresponden aos concellos, en virtude da normativa sobre réxime local. A Consellería do Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

A maiores, o Comité autorizou aos titulares de montes ou terreos forestais e de predios en solo rústico que alberguen especies vexetais leñosas ou herbáceas, así como aos titulares de fincas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, a desenvolver actividades de roza, mantemento e limpeza. Isto faise tendo en conta a estación na que nos encontramos, en plena primavera e xa próxima a época de alto risco de incendios forestais.

Iso si, os interesados en realizar estes labores no monte –e tamén en predios situados en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable– terán que levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras nas que van traballar e portar os apeiros necesarios ou ben incluír na declaración que os teñen depositados na parcela ou lugar determinado. A Consellería de Medio Rural ditará a correspondente resolución ao respecto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.