A Xunta defende unha normativa que garanta a seguridade xurídica no aproveitamento de espazos costeiros

Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade de planificar e regular de forma axeitada e para ese cometido puxo a disposición a experiencia de Galicia
Publicado por o día 12/05/2019 na sección de Galicia,Mar,Vigo

A Xunta defende unha normativa que garanta a seguridade xurídica no aproveitamento de espazos costeiros

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Vigo a importancia de contar cunha normativa axeitada e que garanta a seguridade xurídica para asegurar o futuro das actividades marítimo-pesqueiras. Nesta liña subliñou que “o mantemento desa clave de seguridade sostén a viabilidade de moitas empresas ao longo do noso litoral”. Así o destacou durante a inauguración do III Foro Internacional de Planificación Espacial Marina, organizado pola Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea e a Comisión Oceanográfica Intergubernamental da Unesco.

Alí tamén fixo fincapé en que “Galicia non se entende sen costa” e en que “a economía galega non se entende sen as industrias que necesitan emprazamentos no litoral”. De aí que sexa fundamental para o futuro planificar e regular de forma axeitada. Para este comedido puxo a disposición a experiencia de Galicia co obxectivo de que o marco xurídico do futuro garanta o equilibrio dos aspectos sociais, económicos e ambientais.

Esta experiencia reflíctese en accións realizadas pola comunidade autónoma galega. Entre elas o Plan Blue Growth do Porto de Vigo, a través do que Galicia demostrou a súa vontade de “planificar e medrar co mar como referente”. Para a posta en marcha desta iniciativa a Xunta elixiu ao Porto de Vigo por consideralo o mellor escenario, debido a que nel conflúen actores socioeconómicos clave da vida marítima, e tamén o mellor exemplo para liderar esta filosofía de maneira que sirva de modelo para outros portos. Nesta liña, a conselleira recoñeceu “o gran traballo da Autoridade Portuaria de Vigo e os bos resultados obtidos ata o momento”.

Outra acción á que fixo referencia Rosa Quintana foi o Plan de Ordenación do Litoral, un instrumento capaz de favorecer unha xestión integral do territorio co obxectivo de protexer de xeito efectivo a costa galega. Unha ordenación urbanística da zona litoral, subliñou, “baseada en criterios de perdurabilidade e sustentabilidade para a que foi necesaria normativa para garantir a conservación do solo e da paisaxe, a protección dos recursos naturais e a posta en valor das zonas costeiras”.

O último exemplo de accións realizadas por Galicia que citou a conselleira foi o Plan Director de Acuicultura Litoral co que se articula a protección ambiental compatible co desenvolvemento socioeconómico dunha actividade de cultivo de produtos do mar, como por exemplo o mexillón, baseada en criterios de coherencia territorial, sustentabilidade ambiental e integración paisaxística. Con el tamén se busca acadar a seguridade xurídica e administrativa para a actividade acuícola, entre outros aspectos.

O Foro

O III Foro Internacional de Planificación Espacial Mariña (III MSPforum), celébrase entre hoxe e o 15 de maio en Vigo e o porto desta cidade é o anfitrión. Está organizado conxuntamente pola DG-MARE e a Comisión Oceanográfica Intergubernamental da UNESCO e ten como obxectivo continuar traballando na elaboración das directrices internacionais sobre MSP transfronteirizo, tal como se establece na Folla de ruta conxunta para acelerar os procesos de planificación espacial marítima / mariña en todo o mundo adoptada durante a II Conferencia Internacional sobre Planificación Espacial Marítima en marzo de 2017 en París.

Os resultados deste foro son cruciais para a elaboración de directrices internacionais. Por iso nel participan expertos de todo o mundo de cara a traballar de maneira dinámica e participativa durante os días de duración do evento no desenvolvemento destas directrices.

Comentar noticia

Your email address will not be published.