A Xunta demanda ao Goberno de España un reparto equitativo e equilibrado dos investimentos que evite o agrandamento da brecha entre o Corredor Mediterráneo e o Atlántico

Ethel Vázquez lamenta que os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 non contribúan a paliar o déficit de investimentos no noroeste peninsular nin ao equilibrio territorial
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta demanda ao Goberno de España un reparto equitativo e equilibrado dos investimentos que evite o agrandamento da brecha entre o Corredor Mediterráneo e o Atlántico

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou hoxe ao Goberno de España un reparto equitativo e equilibrado dos investimentos para que non se agrande a brecha entre o Corredor Mediterráneo e o Corredor Atlántico de Mercadorías.

Na súa intervención esta tarde no Pazo do Hórreo, Vázquez Mourelle lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 non contribúan a paliar o déficit de investimentos no noroeste peninsular nin á vertebración e ao equilibrio territorial.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade incidiu na falta de partida para a conexión ferroviaria do porto de Langosteira, como si hai para o Porto de Barcelona, ou na ausencia de partidas significativas para a Saída Sur ferroviaria de Vigo, ao contrario que para o Porto de Castellón.

Ethel Vázquez puxo así o acento na importancia dos investimentos presentes para o futuro de Galicia. A este respecto, apuntou, que está en xogo a competitividade de infraestruturas como o porto exterior de Punta Langosteira e de todo o tecido produtivo da área da Coruña; do Porto de Vigo e de toda a industria da comarca; ou a gran fortaleza que é Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Subliñou que as pretensións da Xunta sempre foron claras, lexítimas e axustadas á realidade e ás necesidades de Galicia, de contar cunha rede ferroviaria propia do século XXI, que conecte o noroeste con Europa, coas autonomías próximas e co resto de España e tamén con Portugal.

Na súa intervención, a conselleira lembrou a reivindicación, xa histórica, na que Galicia, Asturias e Castela e León, empurrados polos axentes económicos, sociais, portuarios e políticos, e co apoio e respaldo do Goberno presidido por Mariano Rajoy, fixo posible lograr que a Comisión e o Parlamento europeos incluísen o noroeste no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que esta visión conxunta segue a día de hoxe igual de vixente, tal e como quedou de manifesto no acordo acadado a semana pasada entre a Xunta, o Consello Económico e Social e o Eixo Atlántico, para crear unha Comisión Executiva para seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste e para reforzar a alianza de éxito forxada xa hai tempo entre Galicia, Asturias e Castela e León.

Explicou que esta Comisión Executiva permitirá unificar esforzos na defensa do Corredor Atlántico para facer máis forte aínda a voz do noroeste peninsular e na que se agarda tamén que se sume a Fegamp. Unha defensa, engadiu, coa que tamén está moi comprometido o Goberno de Portugal, que a través do seu presidente, a súa ministra de Cohesión Territorial e o seu ministro de Infraestruturas, manifestan a prioridade da conexión atlántica Lisboa-Porto-Vigo para alta velocidade e tamén para mercadorías.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta “pide facendo”, a través da Estratexia de Infraestruturas Loxísticas de Galicia, co obxectivo de definir e axilizar o desenvolvemento do Corredor Atlántico do Noroeste, e como xa fixo anteriormente coa elaboración do estudo custo-beneficio sobre a Saída Sur de Vigo.

Nesa liña, concretou o traballo que se está a impulsar a través da Estratexia de Infraestruturas Loxísticas de Galicia 2020-2028, conxunta e coordinada con Asturias e Castela e León, e complementaria á Estratexia Galega de Mobilidade. Segundo abundou, o obxectivo é contribuír a definir as infraestruturas prioritarias para a competitividade do Corredor Atlántico, servindo de apoio ás actuacións a executar polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que debe plasmar no Plan Director do Corredor Atlántico de Mercadorías.

A conselleira sinalou como imprescindible e urxente que o Goberno central convoque a Galicia, Asturias e Castela e León para abordar e establecer as liñas estratéxicas que permitan acadar o financiamento das obras necesarias para incrementar a capacidade loxística e competitiva do noroeste peninsular, a cargo dos fondos europeos Conectar Europa e Next Generation.

Engadiu, que para avanzar nesta liña de esforzo conxunto, pídese ao Goberno de España o nomeamento dun Comisionado, ao igual que existe para o Corredor Mediterráneo. Trátase dunha figura, dixo, que asuma a coordinación e o impulso de proxectos completos e de calidade para contar con financiamento europeo para mellorar e modernizar este eixo ferroviario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.