A Xunta desenvolve unha aplicación móbil para a clasificación de canais de vacún

Esta ferramenta axudará aos operarios dos matadoiros a seleccionar os canais segundo as súas características
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Alimentación

A Xunta desenvolve unha aplicación móbil para a clasificación de canais de vacún

A Consellería do Medio Rural vén de crear unha aplicación móbil deseñada para axudar aos operarios dos matadoiros á hora de clasificar os canais de vacún. A aplicación, denominada SEUROBov_Imaxes, consiste na adaptación ao dixital dos tradicionais trípticos editados como guías de referencia para a clasificación de canais, seguindo o modelo europeo.

O autor desta ferramenta, Fernando Vázquez, é inspector da unidade de control da calidade das producións gandeiras da Consellería do Medio Rural. Esta app facilita a actividade dos traballadores xa que poderán consultar tanto en tablet como en smartphone as características que deben reunir os canais, así como consultar imaxes. A nova ferramenta pretende ser un instrumento de referencia no proceso de formación de clasificadores e tamén unha fonte de acceso rápido aos modelos de canais para todos os implicados na comercialización desta carne: inspectores, clasificadores, alumnos, operadores comerciais, responsables de calidade, etc.

A clasificación bovina atende a diferentes parámetros como a categoría do animal segundo factores de idade e sexo, pero tamén á súa conformación e engraxamento, entre outros. Todas estas categorías son incorporadas e explicadas na nova aplicación con fotografías para permitir unha comparativa.

SEUROBov_Imaxes está dispoñible para dispositivos Android de xeito gratuíto a través de Google Play. Ademais, funciona en todas as linguas oficiais de España, así como en inglés, francés, italiano, neerlandés, polaco e portugués. O seu manexo é sinxelo e está aberta a melloras a través de comentarios e suxestións. As posibles novidades iranse incorporando automaticamente nas próximas descargas e actualizacións.