A Xunta destaca a actuación dos servizos de emerxencia no accidente do Marisquiño

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no seo da Comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente ocorrido en Vigo o pasado 12 de agosto
Por o 06/03/2019 | Sección: Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta destaca a actuación dos servizos de emerxencia no accidente do Marisquiño

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu hoxe no seo da Comisión de investigación parlamentaria sobre o accidente do Marisquiño, onde puxo en valor a actuación dos servizos de emerxencias esa noite do 12 de agosto.

As primeiras palabras da súa intervención dirixiunas a manifestar, unha vez máis, a súa solidariedade coas vítimas e os seus familiares. Tamén agradeceu a profesionalidade e disposición dos servizos de emerxencias e emerxencias sanitarias durante aquel día. Como exemplo da súa actuación, recordou que a primeira alerta entrou no 112 ás 23,55 horas, e que ás 2,59 horas xa se estaba evacuando o último ferido. Entre o 12 e o 13 de agosto, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias CIAE112 atendeu 3.052 chamadas.

Considerou tamén que o acontecido e a propia Comisión de investigación parlamentaria deben servir para aprender dos erros e evitar que se produzan no futuro outros accidentes destas características. Neste sentido, adiantou que a Administración autonómica tomará nota das conclusións da Comisión para seguir mellorando.

Lei de espectáculos

O vicepresidente tamén explicou como funciona o procedemento establecido na Lei de Espectáculos de Galicia -aprobada no Parlamento galego sen ningún voto en contra- para a autorización deste tipo de festivais.

Así, a nova Lei de espectáculos, que entrou en vigor antes da celebración do Marisquiño, aclara que é función dos concellos outorgar as licenzas que correspondan. Na norma establécese tamén que todos aqueles espectáculos que teñen plan de autoprotección deben ser autorizados a través dunha licenza e, segundo a normativa, o Plan de autoprotección é necesario nos espectáculos públicos cunha asistencia superior a 20.000 persoas ou que supoñan unha especial situación de risco, todos eles criterios que cumpría o Marisquiño.

Esta licenza debe tramitarse polo procedemento establecido na Lei de emprendemento, isto é, unha vez emitidos os informes necesarios que determinen o cumprimento da normativa aplicable. Estes informes refírense, polo tanto, a cumprir a normativa reguladora en materia de seguridade para artistas, público e persoal técnico; solidez das estruturas e funcionamento das instalacións; garantías de instalación eléctricas; prevención e protección de incendios; salubridade, hixiene e acústica; protección do entorno urbano; accesibilidade e supresión de barreiras; e Plan de autoprotección.

Comentar noticia

Your email address will not be published.