A Xunta destaca a clara intencionalidade que se demostra cos 255 incendios nocturnos rexistrados no último mes en Galicia en horas nas que os medios aéreos non poden actuar

José González enxalzou o labor dos profesionais antiincendios da Xunta, que permitiu que máis do 75% dos lumes rexistrados no que vai de campaña de alto risco quedaran en conatos
Publicado por o día 13/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta destaca a clara intencionalidade que se demostra cos 255 incendios nocturnos rexistrados no último mes en Galicia en horas nas que os medios aéreos non poden actuar

Galicia rexistrou no último mes 568 incendios, dos cales 255 producíronse nun horario no que os medios aéreos non poden actuar e 29 iniciáronse con dous ou máis focos simultáneos. Foi o que destacou hoxe o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, quen puxo de relevo que a metade destes lumes -un total de 284- amosan así claros indicios de intencionalidade, ao igual que o feito de que se rexistraran en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte.

O conselleiro adiantou estas cifras na localidade ourensá de Monterrei -nun dos distritos forestais máis castigados por esta acción delituosa-, a onde acudiu para comprobar o traballo de tres drons utilizados polos axentes ambientais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta precisamente para labores de vixilancia, disuasión e persecución da actividade incendiaria.

Neste contexto, o conselleiro salientou que fronte a esta intencionalidade incendiaria, a combinación do traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da profesionalidade dos axentes e demais persoal do Servizo e da colaboración cidadá “está a dar resultados na investigación”. Puxo como exemplo disto os dous presuntos responsables de varios incendios pillados in fraganti durante a fin de semana, un dos cales xa ingresou en prisión por orde do xuíz.

Anticipación aos lumes

Nesta mesma liña, José González reafirmou o compromiso da Xunta de seguir traballando para anticiparnos aos lumes e para “reforzar a vixilancia, a disuasión e a persecución desta actividade delituosa”. Facémolo, engadiu, co referido esforzo humano e material e tamén “incorporando as últimas tecnoloxías, como poden ser os drons ou as cámaras de vixilancia, que cobren xa o 60% do noso territorio”.

Sobre estes aparellos non tripulados, lembrou que están controlados mediante unha emisora cun alcance de 3,5 quilómetros de distancia. Ademais, especificou que contan cunha cámara dual con varios modelos de visualización, entre outras características, polo que -concluíu- “os incendiarios están totalmente vixiados tanto de día coma de noite”.

O conselleiro reiterou o seu agradecemento e recoñecemento ao labor dos profesionais antiincendios da Xunta polo seu compromiso e profesionalidade en defensa do noso patrimonio forestal e, sobre todo, das persoas. Neste sentido, destacou que o seu traballo permitiu que máis do 75% dos lumes rexistrados no que vai de campaña de alto risco -dende o 1 de xullo- quedaran en conatos.

Por último, neste acto José González animou unha vez máis a todos os cidadáns a denunciar “calquera movemento ou actividade delituosa da que teñan sospeita ou coñecemento que poida axudar a identificar a estes delincuentes”, algo que poden facer, entre outras vías, a través do número de teléfono anónimo 900 815 085.

Comentar noticia

Your email address will not be published.