A Xunta destaca a confianza de empresas como PSA Peugeot Citroën nos centros de Formación Profesional

A Xunta mantén unha ampla colaboración co empresariado galego na configuración da oferta de FP, así como na cualificación dos traballadores
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Formación,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca a confianza de empresas como PSA Peugeot Citroën nos centros de Formación Profesional

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participaron hoxe co director do Centro de Vigo de Groupe PSA, Ignacio Bueno no acto de doazón por parte da compañía de sete vehículos e cinco motores a Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) de Galicia, que se empregarán tanto no ciclos de FP como na formación para o emprego. Un feito que, segundo indicaron os representantes da Xunta, demostra a confianza que empresas de tanto prestixio como Groupe PSA Vigo teñen nos centros de FP galegos.

O conselleiro de Educación salientou a ampla colaboración que a Xunta mantén co empresariado galego para mellorar a oferta de FP e comprometeuse a intensificar esta relación –especialmente no eido industrial– para dar resposta ás necesidades dos sectores produtivos nun momento no que é prioritaria a reactivación económica. Neste sentido, recordou que a FP “é unha porta aberta ao emprego”, cunha inserción laboral superior ao 85% nos ciclos ordinarios e ao 90% na FP Dual, e que doazóns de material como esta que realiza PSA contribúen a mellorar aínda máis a empregabilidade do alumnado.

Pola súa banda a conselleira de Emprego e Igualdade abondou no compromiso da Xunta de seguir a traballar coas empresas que aposten pola formación como un investimento de futuro, coa “firme crenza do enriquecemento que supón para o noso mercado laboral e a sociedade no seu conxunto”. Tal e como destacou, colaboracións como a de Groupe PSA “marcan a diferenza” nun contexto tan cambiante onde “a constante actualización das habilidades laborais resulta clave para garantir un emprego estable e de calidade”.

No acto de doazón participaron tamén o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, e a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Últimas tecnoloxías

Os centros beneficiados por esta doazón son os CIFP de Coia (Vigo, cun Opel Combo e un motor), CIFP Porta da Auga (Ribadeo, cun Peugeot 301 e un motor), Santa María de Europa (Ourense, cun Citroën C-Elysée e un motor), Ferrolterra (Ferrol, cun Peugeot Partner e un motor), Valentín Paz Andrade (Vigo, cun Citroën C4 Picasso e un motor), Coroso (Ribeira, cun Peugeot 301) e Politécnico de Vigo (cun Peugeot 301).

Os vehículos e motores contribuirán tanto a mellorar a formación do alumnado como á actualización dos coñecementos do profesorado, dado que incorporan as últimas tecnoloxías. Neste sentido, trátase de automóbiles de última xeración, dotados das innovacións máis recentes e avances nas diferentes técnicas que engloba o deseño e construción do produto.

Grazas á experiencia con estes materiais, os estudantes coñecerán os recursos cos que se traballa actualmente no entorno laboral, o que lles facilitará a aprendizaxe e o desenvolvemento das capacidades e competencias precisas para desempeñar no futuro o seu posto de traballo, mellorando así a súa empregabilidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.