A Xunta destaca a importancia da prevención e a formación para facer fronte aos abusos sexuais na infancia

Este ano ampliouse a toda Galicia un programa de intervención terapéutica dirixido a menores vítimas destas situacións, co que tamén se presta asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o seu coidado
Publicado por o día 22/09/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca a importancia da prevención e a formación para facer fronte aos abusos sexuais na infancia

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, destacou esta mañá a importancia da formación e da prevención para abordar situacións de abusos sexuais na infancia. Díxoo na inauguración do II Seminario en Galicia sobre violencia sexual contra as persoas menores de idade con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento organizado pola asociación Amino.Gal.

Amparo González fixo fincapé na decisión do Goberno galego de ampliar este ano a toda a comunidade o programa para o tratamento terapéutico menores vítimas de abusos sexuais, que se iniciou como experiencia piloto o exercicio pasado na provincia da Coruña. A través desta iniciativa, a Xunta atende a nenos, nenas e adolescentes vítimas das diferentes formas de abuso sexual, ademais de prestar asesoramento e acompañamento ás familias e equipos profesionais dos que depende o coidado destes.


A directora xeral tamén apuntou que no eido do abuso sexual resulta vital traballar na difusión e na formación dos profesionais para que detecten de xeito áxil estas situacións e evitar que queden silenciadas. De aí, a participación da Xunta de Galicia na iniciativa do Consello de Europa para a prevención da violencia sexual contra menores denominada Un de cada cinco, que ten o seu reflexo en campañas como 37milsorriSOS e #acendamolaluz, a través das cales realizouse a divulgación de material dixital sobre esta materia.

Outro dos eixes de actuación da Xunta neste campo púxose en marcha o ano pasado da man da asociación Amino.gal, coa que se asinou un convenio de colaboración para facer partícipes aos colexios de infantil e primaria da iniciativa Un de cada cinco. O obxectivo é sensibilizar sobre o abuso sexual infantil na sociedade e proporcionar ferramentas ao profesorado, alumnado e ás familias.

Comentar noticia

Your email address will not be published.