A Xunta destaca a obriga do Estado coa mellora e ampliación da depuradora de Ponteareas, concello no que Augas de Galicia leva investido en infraestruturas hidraúlicas máis de 5,1 M€

Teresa Gutiérrez refire o coñecido compromiso do goberno local coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil para a mellora da actual depuradora, para poder tratar as necesidades reais do municipio e conseguir sanear o río Tea
Publicado por o día 06/03/2019 na sección de Galicia,Ponteareas

A Xunta destaca a obriga do Estado coa mellora e ampliación da depuradora de Ponteareas, concello no que Augas de Galicia leva investido en infraestruturas hidraúlicas máis de 5,1 M€

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, ratificou hoxe a obriga do Estado de promover a execución da 1ª fase de mellora e ampliación da EDAR de Ponteareas, concello no que o organismo hidráulico da Xunta leva investido nos últimos anos en actuacións de mellora das infraestruturas de saneamento e depuración máis de 5,1millóns de euros.

Na súa intervención hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia fixo referencia ao coñecido compromiso do goberno local de Ponteareas coa Confederación Hidrográfica do Miño Sil para a mellora da actual depuradora, que no seu día non foi dimensionada para poder tratar as necesidades reais do municipio e para conseguir sanear o río Tea, lembrou.

Explicou que a execución da 1ª fase de ampliación e mellora da EDAR de Ponteareas, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, ten sido declarada de Interese Xeral do Estado como recollen os Orzamentos Xerais para o ano 2018.

Isto se traduce, apuntou, o recoñecemento como prioritarios os traballos de mellora e ampliación da capacidade desta depuradora e de mellora da rede de saneamento no núcleo urbano e a súa contorna. E implica, abundou, a súa financiación por parte da Confederación Hidrográfica, como mínimo nun 60% do seu custo, como recolle nas súas previsións de investimentos con cargo aos fondos da Unión Europea.

Teresa Gutiérrez asegurou que desde a Xunta de Galicia estase á espera de que o Estado, como promotor desta obra, comunique as súas necesidades. Tamén, engadiu, se ten que coñecer se vai solicitar apoio ou colaboración para a súa execución ou vai a executala cos ditos fondos europeos e aportando o resto con fondos propios do Estado.

De ser o caso, abundou, a Xunta colaborará segundo o que se acorde no convenio que corresponda, pero reiterou que é o Estado o que debe promover a execución desta obra por ser da súa competencia.

Por outra banda, explicou que Augas de Galicia dentro das súas competencias en apoio das entidades locais está a colaborar co Concello de Ponteareas para o desenvolvemento máis eficaz das atribucións dos propios municipios en materia de subministro de auga, sumidoiros, e tratamento de augas residuais.

Neste ámbito de colaboración, indicou, o concello ten solicitado a Augas de Galicia a redacción e execución da actuación de saneamento na parroquia de Ribadetea, cun orzamento de máis de 3,5 millóns de euros. Este proxecto foi redactado por Augas de Galicia pero a súa execución quedou postergada pola negativa da Confederación Hidrográfica a autorizar as obras sen executar antes a ampliación da EDAR, dado que a actual carece de capacidade suficiente para aceptar novas conexións.

Explicou que a finais do pasado ano, a raíz da solicitude do concello e os veciños de Ribadetea, o organismo hidráulico da Xunta comprometeuse a revisión e actualización do citado proxecto para adaptalo á realidade actual da parroquia e ao novo Plan Director municipal. No obstante, subliñou, esta actuación está supeditada á execución da 1ª fase da ampliación e mellora da Estación depuradora de augas residuais de Ponteareas, de competencia estatal.

Finalmente, a directora de Augas de Galicia fixo un repaso das principais actuacións nos que a entidade colaborou en apoio do concello, e nas que se investiron máis de 5,1 millóns de euros. Entre as obras realizadas e xa rematadas destacan a ETAP de Ponteareas, as distintas fases de saneamento nas parroquias de Areas, Arnoso e Xinzo, os colectores de pluviais no barrio das Covas ou a senda fluvial pola marxe dereita do río Tea, nos concellos de Mondariz e Ponteareas.