A Xunta destaca en Fitur a importancia do salón Turexpo Galicia para promocionar a oferta turística da nosa comunidade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe este salón que se celebra no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca en Fitur a importancia do salón Turexpo Galicia para promocionar a oferta turística da nosa comunidade

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Fitur na presentación do Salón Turístico de Galicia (Turexpo Galicia) para abordar a importancia da súa presenza no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. No acto tamén interviron a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán.

Alfonso Rueda incidiu en que esta feira aposta por un sector estratéxico para a economía galega como o turismo e destacou que supón un magnífico escaparate desde o que presentar e promocionar o amplo catálogo de posibilidades turísticas que ofrece Galicia.

Turexpo volverá este ano ao recinto da Semana Verde do 4 ao 7 de xuño no seu décimo aniversario, de forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que conmemorará a súa 43 edición. O Salón Turístico de Galicia consolídase como un importante espazo de negocio para o sector turístico galego a través da súa Bolsa de Contratación, que conta co apoio da Axencia Turismo de Galicia. O evento complétase cunha exposición con propostas que dan a valor aos distintos tipos de turismo e destinos da comunidade.

A celebración de Turexpo Galicia coincide tamén coa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), que este ano acada a súa sétima edición, e que permite aos concellos galegos dar a coñecer as súas celebracións distinguidas con esta categoría e atraer turistas ás súas localidades.

O vicepresidente da Xunta sinalou que a aposta polo turismo na Feira Internacional Semana Verde de Galicia amosa a aposta da Fundación Semana Verde por diversificar a súa oferta ao manter as citas tradicionais vinculadas ao sector primario e, ao mesmo tempo, ampliar os eventos destinados a outros sectores como liña para explorar novas vías de negocio.

A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, explicou que Turexpo Galicia convertese cada ano nun espazo de intercambio entre profesionais do turismo. Nesta liña, lembrou que, na última edición, celebráronse máis de 2.800 reunións entre operadores turísticos nacionais e internacionais, procedentes dunha decena de países, dos cales moitos deles son obxectivo prioritario do turismo galego.

Referente no noroeste peninsular

A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, na que se integran tanto Turexpo Galicia como Festur, tense consolidado como o gran certame multisectorial de mostras e ocio do noroeste peninsular. Ao longo das súas 42 edicións, a Feira medrou en participación, superficie e actividades para todos os públicos.

Este evento combina a parte profesional con aspectos máis lúdicos. Conta con catro salóns paralelos: o Salón de Alimentación do Atlántico centrado no sector alimentario; Fecap Abanca, o único salón galego centrado na caza, pesca e natureza; xunto con Turexpo Galicia e Festur. Ademais, acolle actividades relacionadas con moitos sectores e enfocadas ao público xeral.