A Xunta destaca en Mos a aposta de Imjoying Leisure polo desenvolvemento no ámbito rural de iniciativas TIC

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe a empresa pontevedresa, que ofrece servizos dixitais para o tempo de lecer
Publicado por o día 03/09/2018 na sección de Galicia,Mos,Xunta de Galicia

A Xunta destaca en Mos a aposta de Imjoying Leisure polo desenvolvemento no ámbito rural de iniciativas TIC

O director do Igape, Juan Cividanes, subliñou hoxe na súa visita ás instalacións de Imjoying Leisure International Group en Mos a aposta desta empresa polo desenvolvemento de iniciativas innovadoras no ámbito rural, mediante a posta en marcha dunha plataforma web e unha aplicación móbil que facilita a oferta festiva e cultural de todas as localidades españolas.

Cividanes resaltou a relevancia das iniciativas emprendedoras asentadas en poboacións rurais que favorecen a creación de emprego no territorio mediante a posta en marcha de iniciativas non vencelladas á produción agrícola. Así, o proxecto da empresa pontevedresa busca consolidar 9 postos de traballo cubrindo a demanda de información de usuarios de actividades de ocio mediante o acceso á información dos eventos programados por entidades públicas e privadas de toda España.

Lembrou tamén o compromiso da Xunta co impulso económico e social ao mundo rural mediante a posta en marcha do Galicia Rural Emprende, cuxa última convocatoria está en fase de resolución e do que foi beneficiaria a empresa pontevedresa na edición anterior, e que está deseñado para fomentar o desenvolvemento equilibrado do territorio galego a través de pequenas e medianas empresas que non se dedican a actividades agrícolas, formadas por novos emprendedores ou autónomos.

Co mesmo obxectivo, pero sen focalizar a súa incidencia no ámbito rural, desenvólvese o Galicia Emprende. A través das edicións dos programas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende do pasado ano, a Xunta concedeu axudas por importe de 6,8 millóns de euros a 162 proxectos empresariais de emprendedores, que mobilizaron máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e que levan asociados a creación e o mantemento de 385 postos de traballo.