A Xunta destaca o carácter internacional do Abanca Galicia Classic Surf Pro ao recibir deportistas de máis de 30 países

O conselleiro de Cultura e Turismo e a secretaria xeral de Igualdade participaron na presentación deste evento que terá lugar desde hoxe ata o 7 de setembro
Publicado por o día 27/08/2019 na sección de Cultura

A Xunta destaca o carácter internacional do Abanca Galicia Classic Surf Pro ao recibir deportistas de máis de 30 países

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; subliñaron o carácter internacional do Abanca Galicia Classic Surf Pro tras recibir durante a súa ultima edición máis de 100.000 visitantes, entre eles preto de 350 deportistas procedentes de 31 países. Durante a presentación do evento na praia de Pantín, o titular de Cultura e Turismo destacou o potencial desta actividade para seguir avanzando na especialización da oferta turística galega e na súa proxección exterior.

Neste sentido, Román Rodríguez cualificou o Abanca Galicia Classic Surf Pro, que celebra a súa trixésimo segunda edición en Ferrolterra desde hoxe e ata o próximo 7 de setembro, como o “evento deportivo máis internacional” da Comunidade, e lembrou que se trata do campionato de surf máis importante de España e o cuarto máis lonxevo de todo o mundo. De feito, entre as novidades deste ano figura unha das catro únicas probas do campionato mundial absoluto World Longboard Championship, fundamental para a clasificación dos vindeiros Xogos Olímpicos de Tokio, no que o surf será deporte olímpico por vez primeira.

O responsable de Cultura e Turismo explicou que a internacionalización e a proxección exterior da Comunidade é un dos obxectivos do Goberno galego no eido turístico. Neste sentido, recordou que grazas ao impulso da Xunta a eventos de sona internacional como o Abanca Galicia Classic Surf Pro ou á promoción da nosa Comunidade en feiras e eventos internacionais, o turismo estranxeiro experimentou un crecemento do 27% no primeiro semestre do ano. “Esta actividade sérvenos para amosarlle ao mundo as peculiaridades da nosa Galicia verde e a nosa Galicia moza e dinámica”, concretou.

Campañas contra as agresións sexuais

Pola súa banda, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informou de que durante estes días no evento deportivo difundiranse dúas campañas informativas fronte á violencia de xénero e ás agresións sexuais. A Xunta manterá durante o evento un stand informativo no que se dará información e repartirá material de sensibilización de ambas campañas.

López Abella lembrou que é necesario o compromiso do conxunto da sociedade na promoción da igualdade entre mulleres e homes, así como na prevención e loita contra a violencia de xénero. Ao respecto, destacou o importante papel que está tomando o deporte galego neste eido e puxo en valor que accións de sensibilización como estas poidan desenvolverse nun evento de tanta importancia como o Abanca Galicia Classic Surf Pro.

Exemplo do modelo turístico do Goberno galego

O titular de Cultura e Turismo remarcou que o Abanca Galicia Classic Surf Pro será durante os próximos días “o mellor escaparate do noso potencial no eido deportivo”, ao tempo que servirá para poñer en valor “a paisaxe da zona de Ferrolterra”. Neste sentido, puxo este evento como exemplo do modelo turístico do Goberno galego, capaz de ofrecer experiencias baseadas nas particularidades de cada territorio co fin de atraer visitantes durante todo o ano ás diferentes zonas da xeografía galega.

Román Rodríguez lembrou que o Abanca Galicia Classic Surf Pro é xa un “evento máis que consolidado” dentro e fóra das nosas fronteiras ao ser quen de situar “a Valdoviño, Ferrolterra e toda Galicia” no mapa internacional. Precisamente, tivo un recoñecemento ás persoas que fai 32 anos botaron a andar esta iniciativa no areal de Pantín.

O impacto do Abanca Galicia Classic Surf Pro, que conta tamén co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a través de Galicia Calidade, constátase no seu crecente número de visitantes, pasando dos 65.000 da edición de 2017 aos 100.000 de 2018 pero tamén no seu seguemento a través de internet, xa que as diferentes probas son retransmitidas por streaming a todas as partes do mundo. Na edición anterior, as diferentes retransmisións superaron a cifra dos dous millóns de visitas.