A Xunta destaca o compromiso de Gradiant coa investigación e a innovación responsable

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, inaugurou esta mañá unha xornada de portas abertas do centro tecnolóxico centrada nas tecnoloxías de conectividade, intelixencia e seguridade e a súa aplicación á contorna industrial
Publicado por o día 31/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca o compromiso de Gradiant coa investigación e a innovación responsable

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou a mañá de onte na inauguración do Open Demoday da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (Gradiant), unha xornada de portas abertas centrada nas tecnoloxías da conectividade, intelixencia e seguridade e a súa aplicación á contorna industrial. O obxectivo da sesión era achegarse ao tecido empresarial para afondar na incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) aos procesos e produtos que desenvolven as empresas.

Argerey destacou o compromiso do centro tecnolóxico Gradiant coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía ao tecido produtivo e a aplicación das TIC ao desenvolvemento económico e ao benestar social, en liña co concepto da Investigación e Innovación Responsable (RRI polas súa siglas en inglés), un dos principios xerais que guía as políticas europeas de I+D+i, que promove unha investigación e tecnoloxía cuxo impacto vaia máis alá da busca duns resultados económicos e da excelencia científico-tecnolóxica.

Neste senso, a directora de Gain subliñou algúns exemplos de proxectos de I+D+i nos que o centro tecnolóxico galego aproveita o seu talento e coñecemento para poñelo ao servizo da sociedade e do sector empresarial, como o centro de ciberseguridade Tegra, promovido por Telefónica e Gradiant par desenvolver produtos e servizos que melloren a ciberseguridade das empresas; a Unidade Mixta de Investigación en eSaúde, en colaboración con Everis, para o desenvolvemento de solucións que contribúan a un empoderamento dos pacientes, a mellora da prestación asistencial e o aumento da satisfacción do usuario; ou a Unidade Mixta Smart Lifelong Learning, en colaboración coa empresa Netex, no marco da que se teñen desenvolto solucións para un modelo de aprendizaxe intelixente ao longo de toda a vida, aplicable tanto en entornos corporativos como educativos.

A directora de Gain tamén destacou a primeira spin-off do centro, que se presentou hoxe, e que naceu do apoio do programa Ignicia da Xunta de Galicia. Esta empresa, Alice Biometrics, ofrece unha tecnoloxía de recoñecemento facial que permite verificar a identidade dos clientes de xeito totalmente en liña.

Colaboración centros tecnolóxicos-empresas

Argerey agradeceu a Gradiant a realización deste tipo de xornadas, que permiten informar ao tecido produtivo e á sociedade en xeral sobre os avances e tecnoloxías desenvoltas polo centro e promover colaboracións. Neste senso, apuntou que a Xunta de Galicia está convencida do potencial dos centros tecnolóxicos galegos e do seu papel como socios tecnolóxicos das empresas, en especial das pemes e instou aos participantes a establecer colaboracións no ámbito da I+D+i como garantía para acadar un maior impacto dos seus proxectos.