A Xunta destaca o impulso dado aos servizos sociais en Galicia para mellorar a atención das persoas que máis o precisan

O titular da área social do Goberno galego destacou o forte impulso dado aos programas, servizos e recursos dirixidos ás familias, aos maiores e á inclusión
Publicado por o día 05/09/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destaca o impulso dado aos servizos sociais en Galicia para mellorar a atención das persoas que máis o precisan

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, defendeu hoxe en Ferrol o forte impulso que a Xunta de Galicia está a dar aos servizos, recursos e programas dirixidos atender as necesidades tanto das familias como das persoas maiores, así como a favorecer de maneira activa a inclusión dos colectivos en situación ou risco de vulnerabilidade. Así o sinalou no novo ciclo de conferencias Conversas no Parador organizadas polo Club de Prensa de Ferrol que se encargou de abrir o titular autonómico.

Na súa intervención, o conselleiro salientou a aposta pola conciliación co incremento das prazas sustentadas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos ata acadar no actual curso unha taxa de cobertura do 41%, oito puntos por riba da aconsellada pola Unión Europea. Tamén se referiu a ampliación da Tarxeta Benvida ata os 3 anos para as familias con ingresos medios non superiores aos 22.000 euros ao ano.

Así mesmo, no ámbito da atención aos maiores puxo en valor o notable incremento do número de dependentes que reciben a prestación á que teñen dereito: preto do 85% dos mesmos. Nesta liña, salientou o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), chegando a case a 9 millóns de horas anuais a disposición dos concellos; e a posta en marcha de novas medidas como o Bono Autonomía en Residencia, consiste nunha axuda directa a aquelas persoas que teñan recoñecido un grao de dependencia e estean á espera de acceder a unha praza nunha residencia pública, ou as Casas do Maior, unha experiencia piloto destinada a contribuír na atención e prevención da dependencia para manter e mellorar a calidade de vida das persoas maiores de 60 anos que residen en municipios rurais de menos de 5.000 habitantes.

Por último, Rey Varela referiuse ás novas políticas de inclusión que se están a desenvolver en colaboración cos concellos e as entidades, cun notable aumento das ordes de axudas con fins sociais, así como coa implantación da Axenda Social de Galicia, instrumento que mellora os servizos sociais de proximidade e a coordinación entre institucións e coas entidades.