A Xunta destaca o investimento de 15 M€ na eliminación de treitos de concentración de accidentes nas vías autonómicas, coas obras practicamente rematadas este ano

Francisco Menéndez concreta que xa están finalizadas as obras na estrada PO-552 en Vigo ou Nigrán; na PO-308 en Sanxenxo e Poio; na AC-550 en Porto do Son; na PO-549 en Cambados e Vilanova; e na AC-164 en Bergondo

A Xunta está a investir 15 millóns de euros na eliminación de treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas, coa previsión de que este ano estean practicamente finalizadas todas as obras.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, precisou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que nos vindeiros meses estarán concluídas 16 actuacións da Estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes nas vías autonómicas.

Concretou que xa están finalizadas as obras nos treitos de concentración de accidentes da estrada PO-552 en Vigo ou en Nigrán; na PO-308 en Sanxenxo e Poio; na AC-550 en Porto do Son; na PO-549 en Cambados e Vilanova de Arousa; e na AC-164 en Bergondo.

Salientou tamén o avance na execución das obras de supresión destes puntos negros na PO-331 na Pasaxe, en Gondomar; na PO-551, en Marín e Bueu; e na PO-552, en Tomiño e Tui.

Francisco Menéndez precisou que xa se licitou a actuación de mellora de seguridade prevista no inicio da estrada AC-552, no treito da Báscula, na Coruña e Arteixo e a da PO-551 en Domaio, no concello de Moaña.

Tamén subliñou que xa están aprobadas as expropiacións e os proxectos para a próxima licitación das obras na estrada PO-403 en Ponteareas.

Ademais, está avanzada a supervisión do proxecto para eliminar o treito de concentración de accidentes da estrada PO-504 en Sanxenxo.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas concretou que, no caso do proxecto previsto na PO-552 en Saiáns, en Vigo, e en Priegue, en Nigrán, vaise reformular o proxecto de acordo coas alegacións recibidas na información pública para incorporar aquelas que se consideren oportunas.

Francisco Menéndez avanzou que a Xunta xa está traballando na redacción de novos proxectos para seguir reforzando a seguridade viaria noutros treitos de vías autonómicas.

Lembrou o acordo do Pleno do Parlamento de Galicia de 4 de outubro de 2017 no que se instaba ao Goberno de España a realizar o mesmo traballo nas estradas da súa titularidade. Sen embargo, puntualizou que a pesar de terse reiterado esta solicitude en múltiples ocasións, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana nin ten emitido resposta nin ten acometido unha estratexia de actuación como a autonómica nos treitos de concentración de accidentes das vías estatais.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM