A Xunta destaca o labor humanitario de Sogaps e o compromiso das familias que participan no programa Vacacións en Paz

Uns 300 nenos e nenas saharauís pasaron este verán en Galicia
Por o 24/09/2018 | Sección: Social
A Xunta destaca o labor humanitario de Sogaps e o compromiso das familias que participan no programa Vacacións en Paz

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe no seu despacho de San Caetano unha xuntanza con responsables da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps), co obxecto de facer balance da última edición do programa Vacacións en Paz. Arredor de 300 nenos e nenas saharauís pasaron este verán que vén de rematar en Galicia ao abeiro desta iniciativa que conta co apoio económico da Administración autonómica.

Rey Varela enxalzou o labor humanitaria e o traballo que desde hai tempo leva a cabo esta entidade na procura de mellorar a calidade de vida dos refuxiados saharauís. En especial, salientou a “solidariedade e o compromiso das familias que durante os meses de xullo e agosto acollen nas súas casas a nenos, nenas e adolescentes que viven en campamentos nunhas condicións moi difíciles”.

Ademais, o conselleiro destacou a implicación dos concellos neste programa de ‘Vacacións en Paz’, así como o traballo que tamén realiza sobre o terreo Sogaps, co desenvolvemento de iniciativas de carácter cultural ou educativo nos propios campamentos de refuxiados. Galicia participa desde o ano 1991 no programa Vacacións e Paz, ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que os seus fillos e fillas desfruten dunha estancia agradable, humana e culturalmente rica na nosa comunidade, baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras galegas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.