A Xunta destaca o potencial do termalismo galego como elemento desestacionalizador do turismo e exemplo de calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da feira Termatalia que apoia a Xunta e que se celebrará o xoves e venres
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

A Xunta destaca o potencial do termalismo galego como elemento desestacionalizador do turismo e exemplo de calidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da nova edición de Termatalia, a feira de turismo de saúde de termal que se celebrará o xoves e o venres en Ourense co apoio da Xunta de Galicia e que reunirá a profesionais de máis de 30 países.

Durante a súa intervención, Nava Castro puxo de manifesto a importancia de que Ourense acolla unha feira como esta que cumpre a súa décimo novena edición e na que a Xunta de Galicia participará, ademais, cun expositor no que se presentará a oferta termal galega e tamén está prevista a presenza de turoperadores de diferentes países, así como medios especializados de diversas partes do mundo.

A directora de Turismo resaltou a oportunidade que suporá un ano máis Termatalia para poñer de manifesto no mercado internacional a capacidade desestacionalizadora, diversificadora e o impulso económico que o termalismo está a ter en Galicia.

Salientou a aposta do Goberno galego por coidar dos recursos termais a través tanto da formación, co apoio á Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago; como da innovación, facilitando un proceso de documentación nos balnearios galegos; coas infraestruturas, mellorando a capacidade aloxativa dos balnearios e sinalizando as vilas termais ou coa posta en marcha de pioneiras iniciativas normativas como a Lei de aproveitamento lúdico das augas termais.

Neste sentido indicou o “importante salto” que se dará coa entrada en vigor desta normativa “para reforzar a calidade da oferta termal galega, dando seguridade xurídica e garantías aos proxectos turísticos que polas súas características non poden ser considerados balnearios e que non dispoñía ata o de agora dunha regulación específica nin actualizada”.

Salientou ademais que Termatalia sexa tamén este ano o marco elixido para a posta en marcha da primeira acción do proxecto Un descanso nos Camiños promovido polo Cluster de Turismo de Galicia a petición dos socios Expourense, Balnearios de Galicia, Grupo Caldaria e a Federación Provincial de Hostelería de Ourense e que conta co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. Este proxecto busca organizar estadías nos balnearios dos Camiños de Santiago e en Termatalia protagonizará un dos workshops.

Máis de 300 expositores

Termatalia 2019, que conta co apoio da Xunta, da Deputación e do Concello de Ourense, celebrarase o xoves 19 e o venres 20 en Expourense. Participarán 269 expositores, 26 turoperadores e estarán representados 34 países con importante presenza de América Latina e Eurupa. Tamén se celebrará a Semana Termatalia desde o 17 co Congreso Internacional de Termalismo 2021-2027:dinamización dos territorios e reto demográfico no Balneario de Lobios. Os días 18 e 19 celebrarase, ademais, o III Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, organizado pola Universidade de Vigo.

No que se refire a Termatalia 2019 o horario da feira será de 10,00 a 19,00 horas de forma ininterrompida o xoves 19 e o venres 20.