A Xunta destaca o traballo en favor da plena inclusión dos galardoados nos premios Cogami 2018

A Obra Social La Caixa, o Grupo Ruta Jacobea e Manuel Novoa Pérez, recibiron o recoñecemento da entidade
Publicado por o día 15/12/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta destaca o traballo en favor da plena inclusión dos galardoados nos premios Cogami 2018

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Ildefonso de la Campa, destacou hoxe o traballo en favor da igualdade real de oportunidades e en defensa dos dereitos das persoas con distintas capacidades dos galardoados no acto de entrega dos Premios Cogami 2018. Na edición deste ano resultaron premiados a Obra Social La Caixa, na categoría de iniciativa institucional, o Grupo Ruta Jacobea, na modalidade de labor empresarial, e Manuel Novoa Pérez, que recibiu a distinción en recoñecemento á traxectoria persoal.

Durante a súa intervención, Ildefonso de la Campa subliñou que “todas as persoas sumamos e temos moito que achegar á sociedade”. Nesta liña, reiterou o compromiso da Xunta para avanzar no obxectivo de que na nosa comunidade ter distintas capacidades non signifique ter menos oportunidades. Ademais, sinalou que é fundamental traballar de maneira conxunta e coordinada con entidades como Cogami, na procura de mellorar a calidade de vida e a plena inclusión deste colectivo.

O director xeral destacou o incremento, un ano máis, dos recursos destinados para a atención á discapacidade, que en 2019 alcanzarán os 106 millóns de euros, un 64% máis que hai nove anos. Este reforzo económico permitirá, entre outras medidas, consolidar a oferta de prazas publicas, aumentar as axudas a este colectivo e ampliar de 16 a 21 as unidades de atención temperá para deste xeito estender a cobertura ata os 90 concellos.