A Xunta destaca que a automoción é un sector consolidado e en continuo crecemento en Galicia grazas á innovación e á formación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago no Foro ‘Galicia sobre Ruedas’, no que se abordou o presente e o futuro desta industria estratéxica para a Comunidade galega
Publicado por o día 16/01/2019 na sección de Economía,Motor

A Xunta destaca que a automoción é un sector consolidado e en continuo crecemento en Galicia grazas á innovación e á formación

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na súa intervención no Foro Galicia sobre Ruedas -celebrado en Santiago, e no que tamén participaron empresas do sector privado e centros de coñecemento, como a Universidade e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG)- que a automoción é en Galicia un sector consolidado, estratéxico e en continuo crecemento grazas ao labor que está a desenvolver en innovación e grazas a súa aposta pola formación cualificada.

Trátase dunha industria moi extensa na Comunidade á que pertencen máis dun cento de empresas e que produce máis do 15% dos vehículos que se fabrican en España. De feito, a factoría de PSA en Balaídos é a segunda planta con maior produción do país e a máis produtiva do grupo. Conde fixo referencia ás cifras de facturación récord acadadas en 2017 con 8860 millóns de euros -un 4,3% máis que en 2016 e que equivalen ao 14% do PIB galego- e a nivel de exportacións que representa case o 20% do total das vendas galegas ao exterior. Tamén resaltou que en 2017 xerou 2600 novos postos de traballo acadando a cifra de 20.800 empregos directos.

O conselleiro definiu á automoción como o espello no que outros sectores se miran cando se fala de transformación tecnolóxica e Industria 4.0, poñendo como exemplo o fito de que o primeiro coche autónomo que percorreu as estadas españolas saíra de Vigo. Tamén lembrou que o esforzo que está facendo a automoción galega en I+D+i permitiu que Benteler, unha das principais multinacionais deste ámbito, decidira abrir unha segunda factoría en Mos, cun investimento que supera os 20 millóns e coa previsión de crear 175 novos empregos, ata superar os 700 en Galicia. Así mesmo, recordou que Toyota anunciou a súa intención de fabricar na planta viguesa un novo modelo de furgoneta.

Este esforzo innovador da industria da automoción galega é apoiada pola Administración Autonómica a través de programas de axudas nos que nos últimos anos investiu 160 millóns de euros. Ademais, o titular de Economía sinalou que este ano mobilizaranse 70 millóns entre máis de medio milleiro de empresas para que poidan incorporar as novas tecnoloxías á súa axenda de traballo e, deste xeito, poder desenvolver proxectos innovadores. Destaca, dentro deste paquete de axudas, o programa Fábrica Intelixente cuxa terceira edición convocarase nas próximas datas coa previsión de apoiar unha decena de proxectos cos que se prevé unha mobilización de 30 millóns. Trátase dunha iniciativa para apoiar o desenvolvemento de proxectos industrias innovadores nas empresas galegas, na que xa se están a tutelar dous proxectos de I+D en automoción liderados por PSA e Copo coa colaboración do CTAG.

Neste sentido, Conde sinalou o esforzo innovador da industria de compoñentes da automoción e tamén dos centros de coñecemento, dos que destacou a súa competitividade e explicou que as incorporacións tecnolóxicas deben vir acompañadas do traballo de supervisión e control de vehículos que está realizando Applus en Galicia.

Unidades Formativas

Conde, por último, referiuse ao eido da formación para axudar aos profesionais galegos a prepararse no manexo das novas tecnoloxías. Neste senso, indicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de convocar a nova edición das Unidades Formativas nas Empresas que xunto co Plan de formación específico para a automoción estase a permitir a cualificación de máis de 2600 traballadores e traballadoras nunha oferta de case 150 cursos.

Segundo destacou o conselleiro, o obxectivo é formar a un total de 9000 persoas: “A novidade do plan de formación de automoción é que son as empresas as que deseñan o seu propio plan formativo, asumindo a Xunta o 100% da formación”, subliñou.

Para rematar, o conselleiro puxo en valor o labor de PSA, Ceaga e o CTAG ratificando o compromiso da Xunta con esta industria. Tamén recordou o importante traballo da aceleradora de proxectos de emprendemento recoñecida a nivel internacional, a Business Factory Auto (BFA). “Se seguimos traballando conxuntamente, como ata o de agora, o futuro do sector seguirá sendo moi esperanzador”, concluíu.

Comentar noticia

Your email address will not be published.